O Entroido de Viana do Bolo, en feminino
Na actualidade, as mulleres ocupan lugares no Entroido que antes non lles correspondían, como vestirse de boteiras ou organizar un folión
Pasan os anos, e con eles vai evolucionando a sociedade. Un exemplo desta trasformación tamén pode verse no Entroido. Hai non tanto, era impensable que as mulleres formaran un folión ou que se vestiran de boteiras. Na actualidade é algo máis común aínda que quedan algúns pasos por andar.
“Cando me visto levo as uñas pintadas e a xente fíxase”
Aos seus vinte e catro anos, Laura Martínez, boteira de Santa Mariña de Froxais, leva dende os catorce vestíndose de boteira. Sae co folión de Santa Mariña de Froxais.
A súa paixón vén dende pequena: «Quixen ser boteira dende que ía a casa dos meus avós, xa que vía as caretas colgadas e sentía que algún día podería levalas». Recoñece que comezou tocando no folión, pero «o que realmente quería era levar o traxe».
Aínda que é muller nun papel que xeralmente ocupan os homes, admite que nunca tivo ningún tipo de problema. «Ao contrario, normalmente levo as uñas pintadas e a xente fixábase, xa que deducían que eran mans de muller», explica, «pero sempre con respecto».
O Folión Feminino de Viana está formado por 75 mulleres de toda a contorna
Tal e como afirman as súas creadoras, o Folión Feminino de Viana do Bolo naceu «sen querer» no ano 2015. Jessica Granja explica que xurdiu nunha noite de troula entre seis ou sete amigas, «xuntámonos para tocar e ir de cena, e cada ano vai a máis».
Tanto é así que neste ano 2023, o sábado previo ao Xoves de Compadres, como xa é tradición, saíron a tocar polas rúas da vila 75 mulleres da zona. Posteriormente, organizan un xantar para reunirse e seguir a troula.
Ademais, é unha forma de que se xunten mulleres de tódalas idades. Lorena González, outra das pioneiras, defende que ·é unha iniciativa que permite que nos xuntemos compañeiras destas zonas do rural».
Así, Lorena González, califica como «ilusionante» este folión. «Está composto só por mulleres cun papel que antes no Entroido non nos correspondía», explica, «saír a tocar é indescritible, pero ao saír a tocar folión feminino inúndame o sentimento de unión».
Ao non haber «competitividade» entre folións, o día que sae «o feminino» é algo «totalmente diferente». Ylenia Fernández, outra das integrantes, descríbeo como algo único e que hai que vivir, «únenos ese sentimento e somos un só son, póñenseme os pelos de punta».