O Senado esixe garantir a conexión dixital nas zonas afectadas polos lumes

O Senado esixe garantir a conexión dixital nas zonas afectadas polos lumes
A Cámara Alta aproba por unanimidade unha iniciativa do BNG para restaurar os servizos de internet e telefonía móbil no rural galego e acelerar o despregamento da banda ancha tras os incendios do verán

O Senado aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG para instar o Goberno do Estado a restaurar con garantías os servizos de internet e telefonía móbil nas zonas da Galiza afectadas polos lumes da pasada época estival, especialmente en concellos do interior das provincias de Lugo e Ourense. A moción, defendida pola senadora Carme da Silva, inclúe tamén o compromiso de acelerar o despregamento da banda ancha en todo o territorio galego.

A iniciativa pon o foco na situación de numerosos concellos do rural onde os incendios danaron de maneira directa infraestruturas de fibra óptica e telefonía, provocando problemas graves de conectividade. Entre eles figuran Trives, Manzaneda, A Mezquita ou Chandrexa de Queixa, onde centos de veciños seguen a sufrir conexións provisionais, interrupcións constantes e dificultades para realizar tarefas básicas como trámites administrativos, teletraballo, operacións bancarias ou servizos de teleasistencia.

Tras a aprobación da moción na Cámara Alta, Carme da Silva subliñou que o Goberno «ten que tomar as medidas necesarias para garantir a conexión», chegando incluso a esixir ás operadoras que «solucionen de maneira urxente e fiábel os problemas de conexión e cobertura» nas zonas afectadas polos lumes do verán pasado.

O texto aprobado recolle que o Executivo debe adoptar medidas que eviten a incomunicación das poboacións afectadas e garantan o acceso aos servizos esenciais mentres non se restableza a rede definitiva. Unha demanda que, segundo o BNG, resulta clave para asegurar a igualdade de dereitos entre a cidadanía do rural e das zonas urbanas.

A iniciativa aprobada inclúe tamén a petición ao Goberno para que esixa ás operadoras o cumprimento do despregamento da fibra óptica ata chegar ao 100 % dos fogares do rural galego, en liña cos obxectivos do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais de Banda Ancha. Neste sentido, a senadora lembrou que as compañías «recibiron fondos públicos e teñen que garantir a cobertura, a calidade e o acceso universal, tal e como marca a lei».

Desde o Bloque Nacionalista Galego advirten de que o incumprimento destes obxectivos no rural galego supón «condenar estas zonas ao illamento dixital e demográfico», nun contexto no que a conectividade resulta determinante para a fixación de poboación e o mantemento da actividade económica e social .