«O segredo da bica de Trives é que sempre había unha avoa que a facía coa súas mans»
Miguel Ángel e Farruco, fillos de Paco e Pura, propietarios da panadería Os Almendros, na Pobra de Trives, que foron homenaxeados na Festa da Bica de 2022, falan dun negocio familiar.
Se de algo poden presumir na Pobra de Trives, é da bica, a mellor embaixadora desta zona enclavada no oriente ourensán e que dende fai case medio século, exalta na súa Festa, a Festa da Bica, unha cita gastronómica que xa é todo un referente en Galicia e que acaba de conseguir a distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia.
Desta tradición falan Miguel Ángel e Farruco García, que xunto con Carlos conforman a nova xeración dun forno histórico coma Os Almendros e sucesores de Paco e Pura, que foron dos primeiros que comercializaron a bica en Trives polo mundo.
Nunha entrevista concedida a Somos Comarca, estes dous irmáns fan un repaso pola historia deste negocio familiar, que xunto con outras panaderías da época foron as auténticas precursoras do boom que viviu a bica, non só en Trives senón por outras localidades. «Había outros artesáns que tamén vendían, estaba confitería Luciano, As Farrapas, Panadería Caneda, que fixo o pregón, éramos coetáneos». O proceso para facer a bica era todo artesanal. Facíase «en forno de leña, que era como se facía o pan antigamente», explica Miguel Ángel.
A partir dos anos corenta e cincuenta, este doce empezou a facerse coñecido ata que empezou a comercializarse lonxe de Trives. No caso dos Almendros, «primeiro chegou a Ourense, Barcelona ata que pouco a pouco foi chegando a bica a distintos sitios de España».
Pola súa banda, Farruco fala dos comezos da bica, un producto moi vencellado ás casas, gracias a que os ingredientes eran «moi comúns». Era habitual que en cada fogar houbera manteca de vaca, ovos, fariña, manteiga. «Combinando todo iso saiu un doce doméstico que non sabemos a que época se remonta». Da fé diso Miguel Ángel, quen da a coñecer os segredos deste alimento, que mestura a fariña, manteiga, ovos, azucre e canela.
Para Miguel Ángel, máis aló dos segredos que garda a bica, o principal mérito radica na tradición.
«Uns din que está en como se misturan, na coción do forno, outros din que está en como se prepara a manteiga de vaca; empregar ovos morenos, etc». Para este panadeiro, «o auténtico segredo, polo que está impregnada no ADN a bica de Trives, é por esa tradición de que sempre que había unha festa importante -Nadal, a Semana Santa, a festa do pobo- sempre había un avoa que coa súa man preparaba ese doce con toda ilusión e cariño». O resultado é un doce «espectacular» que era habitual acompañar con licor café.
En Trives, todavía lembran «ese olor» tan vencellado a súa infancia. «Tiña un olor característico que forma parte da infancia de todos os triveses e trivesas», engade Farruco, quen lembra «cando se cocía a manteca nas casas». «Era un proceso moi laborioso, ese mimo que puñan, era o regalo máis grande que había. A bica era a que coronaba as comidas, era un ritual».
Como en outros oficios, os que traballan este produto, coinciden en que o traballo na panadería é moi escravo. «Non é só a bica, un panadeiro empeza as nove da mañán, e logo tiñas que levantarte ás catro, e pola tarde empezabas coa bica».
Naquela época, Farruco e Miguel Ángel levaban a bica nun carretillo. «A xente achegábase, polo olor, daquela era habitual que os nenos axudáramos repartindo as bicas».
En canto a loxística, ambos resaltan as dificultades que entrañaba levar a bica a outras localidades. «Daquela non había a loxística de hoxe. facer o traxecto Trives -Barcelona levaba máis dun día, había unha liña de autobuses que ía a Barcelona nos anos 70, o bus ía cheo de caixas de bicas». A emigración de galegos a Barcelona fixo que fóra un destino habitual.
Con todo, Farruco reivindica a necesidade de que o produto se coñeza aínda máis. «A bica é a mellor embaixadora de Trives, e ten que coñecerse todavía máis». Dinno os que mellor coñecen este produto que conxuga «historia e tradición».
Se queres ver o vídeo da conversa con Miguel Ángel e Farruco, atoparala na seguinte ligazón: