San Xoán de Río comprométese co rural como opción de vida
O municipio acolle unha xornada con tres historias de persoas que queren vivir fóra da cidade. Xunto a outros oito concellos vai dixitalizar algúns servizos
Co título "Ourense Rural é Vida" o municipio de San Xoán de Río acolle mañá xoves 25 de abril un encontro entre concellos membros sobre o novo movemento ruralista. «Hai bastante xente que quere vivir no rural pero hai problemas de vivenda, traballo e mobilidade. O primeiro que imos facer é presentar a tecnoloxía que xa instalamos para dixitalizar aos nove concellos participantes».
O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, anunciaba que «os maiores de 65 anos do concello van participar nun proxecto piloto para presentar a declaración da renda por videochamada». Esa é unha das iniciativas que se van tomar dende este proxecto, pero tamén «dixitalizarnos a nivel xeral empregando os recursos das novas tecnoloxías».
Unha dixitalización que se realiza en nove municipios «porque temos falta de profesionais e técnicos que non podemos asumir, pero entre varios sí poderíamos. Os nosos recursos son limitados e queremos facer as cousas en conxunto».
Historias de vida
Na xornada do 25 de abril —que comezará ás 11:00 horas na casa do Concello— abrirase unha mesa redonda «de debate e de reflexión» con tres historias persoais como protagonistas. «Teremos a María Mendoza, música, emprendedora e veciña de Esgos que vai amosar os pros e os contras de emprender no rural».
«Ademais contaremos con Juan Carlos e Zaira, da empresa Piel Natura, que viñeron dende Benidorm hai seis meses; e tamén estará con nós á familia Barreal Soteras, de Barcelona, que queren mudarse ao rural pero precisan atopar vivenda para eles dous e as súas tres fillas».
En concreto, o que está pasando cos alugueres en municipios pequenos —como é San Xóan de Río— é que «non hai. Aquí somos 500 habitantes, temos 900 vivendas, pero ningunha está en aluguer. Sempre se fala destes problemas nas grandes cidades pero aquí sí temos os recursos, fáltanos a xente».
Sobre estes temas —en algúns máis— versará a xornada que acolle San Xoán de Río, que estará guiada pola actriz e presentadora Diana Nogueira, co título "Está Ourense preparada para atraer o novo movemento ruralista?". É unha actividade aberta ao público en xeral «e contará ademais coa presenza de varios alcaldes da provincia».