Mouruás agocha unha cidade soterrada de hai 2.000 anos que podería cambiar a historia do oriente ourensán

As primeiras investigacións arqueolóxicas revelan que o xacemento é moito maior do que se pensaba e abren a porta a novas escavacións grazas a unha achega de 30.000 euros de Turismo de Galicia

O que durante décadas foi coñecido sobre todo pola lexendaria espada pistiliforme e polo enigmático Penedo dos Sete Chanzos comeza agora a desvelar unha historia moito máis ampla. O Castro de Mouruás, no concello de San Xoán de Río, podería ocultar baixo terra unha auténtica cidade de época romana, cunha extensión moi superior á que ata o de agora se lle atribuía.

Esa foi a principal conclusión que trasladou aos veciños o arqueólogo Martiño Xosé Vázquez Mato durante unha charla informativa celebrada no salón de plenos do Concello, á que tamén asistiu o alcalde Xosé Ramón Pérez Blecua . Nela, explicouse os resultados do primeiro proxecto de caracterización arqueolóxica desenvolvido nos últimos meses.

somoscomarca_sanxoanderio_castrodemouroas (2)

«O maior aporte deste proxecto é que Mouruás xa non é ese pequeno castro que todos pensabamos. Temos unha cidade soterrada moito máis grande do que inicialmente se cría», resumiu o investigador.

O traballo, promovido polo Concello de San Xoán de Río e financiado a través do programa Leader, non buscaba descubrir un lugar descoñecido, senón coñecelo cientificamente. «Todo o mundo sabía onde estaba Mouruás e coñecía o valor da espada ou das lendas do Penedo dos Sete Chanzos, pero nunca se realizara unha verdadeira caracterización arqueolóxica do xacemento», explicou.

A tecnoloxía confirma estruturas baixo terra

Para coñecer o que se agocha baixo o monte, o equipo realizou primeiro un desbroce manual e aplicou tecnoloxías de última xeración como un levantamento LIDAR mediante dron e un estudo con xeorradar.

Estas técnicas permitiron elaborar unha cartografía de alta precisión e localizar numerosas anomalías arqueolóxicas tanto dentro como fóra das murallas do castro.

«Identificamos unha cidade soterrada. O importante non é só que exista un castro, senón que o xacemento desborda as murallas e ocupa unha superficie moito maior», explicou Martiño Vázquez.

Segundo detallou, as estruturas detectadas nas parcelas exteriores presentan características propias da arquitectura romana, con muros, cimentacións e edificacións soterradas a pouca profundidade.

As escavacións confirman as primeiras hipóteses

A investigación completouse coa apertura de dúas sondaxes arqueolóxicas que permitiron verificar sobre o terreo a información obtida polas prospeccións xeofísicas.

Nunha delas apareceu o foso defensivo que protexía o acceso norte ao castro, mentres que na segunda, situada xunto ao coñecido Penedo dos Sete Chanzos, saíron á luz rebaixes, canalizacións e traballos sobre a rocha que indican que o visible na actualidade é só unha pequena parte dunha estrutura moito máis complexa.

«Os Sete Chanzos poden ser simplemente o segundo piso de algo moito máis grande que continúa baixo terra», apuntou o arqueólogo.

Entre a Vía Nova e o ouro dos Biocos

Durante a conferencia, Martiño Vázquez destacou tamén a situación estratéxica de Mouruás, situado entre a Vía Nova —a gran calzada romana que unía Braga e Astorga— e as explotacións auríferas dos Biocos.

Ao seu xuízo, esa localización non é casual. «Non se entende Mouruás sen os Biocos, nin os Biocos sen Mouruás», afirmou, defendendo que ambas realidades deben estudarse conxuntamente.

Incluso abriu a posibilidade de que o asentamento puidese desempeñar un papel semellante ao dunha das estacións ou mansións da Vía Nova, encargadas de dar servizo ás comunicacións romanas.

«Mouruás convértese nun candidato moi importante para comprender a organización deste territorio en época romana», sinalou, aínda que insistiu en que será a investigación futura a que confirme ou descarte esta hipótese.

Un novo paso para seguir descubrindo o pasado

A boa acollida dos primeiros resultados chega acompañada dunha excelente noticia para o futuro do proxecto. O Concello de San Xoán de Río conseguiu unha subvención de 30.000 euros da Axencia Turismo de Galicia que permitirá acometer unha nova campaña arqueolóxica.

Nesta segunda fase ampliarase a superficie de escavación ata os 100 metros cadrados, fronte aos apenas 20 desta primeira intervención, centrando os traballos nas zonas onde as prospeccións xeofísicas detectaron unha maior concentración de estruturas.

O obxectivo final pasa por continuar investigando, poñer en valor o xacemento e avanzar cara á súa musealización.

Mentres tanto, Mouruás xa deixou de ser un lugar coñecido unicamente polas súas lendas. As tecnoloxías máis avanzadas da arqueoloxía acaban de demostrar que baixo a terra podería conservarse unha parte fundamental da historia do oriente ourensán, unha historia que apenas acaba de comezar a escribirse.

«O patrimonio tamén crea economía»

Martiño Xosé Vázquez quixo trasladar aos veciños que a posta en valor do castro non só supón un avance para o coñecemento histórico, senón tamén unha oportunidade de desenvolvemento para o territorio. Segundo explicou, cada euro investido nun proxecto arqueolóxico repercute directamente na economía local a través da contratación de empresas, aloxamentos, restauración ou servizos.

O arqueólogo defendeu que o verdadeiro potencial de Mouruás non reside unicamente nas pezas que poidan aparecer, senón na capacidade de construír un relato arredor da historia do lugar, integrando o castro, a espada pistiliforme, as explotacións auríferas dos Biocos e a Vía Nova nun recurso cultural e turístico capaz de atraer visitantes durante todo o ano. «Cada euro investido en Mouruás multiplícase por dez no territorio», asegurou, ao tempo que apostou por aproveitar as novas tecnoloxías, a realidade virtual e os centros de interpretación para divulgar ese patrimonio.

Ao remate da charla tamén fixo un chamamento á implicación da veciñanza, lembrando que o futuro das investigacións dependerá da colaboración dos propietarios das parcelas afectadas. Insistiu en que as cesións de uso non supoñen perder a propiedade dos terreos, senón facilitar novas escavacións e a posta en valor dun patrimonio que considera «moi esperanzador» para o futuro de Mouruás.

A mellor maneira de rematar unha charla sobre historia era pisando a propia historia. Por iso, os asistentes achegáronse ata o Castro de Mouruás acompañados por Martiño Xosé Vázquez Mato, quen foi desvelando sobre o terreo os segredos que durante séculos permaneceron ocultos baixo a vexetación. Cada parada, especialmente na zona das escavacións, serviu para entender que baixo aquel monte se agocha moito máis ca un antigo castro: agóchase unha parte esencial da memoria de San Xoán de Río. Unha memoria que agora comeza a saír á luz e que, paso a paso, escavación tras escavación, aspira a converterse nun novo motor cultural e patrimonial para todo o territorio.

 

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado