O Folión de Sobrado de Trives: «Sentimentos arraigados que vivimos desde pequenos»
Unha das manifestacións culturais máis antigas de Galicia que segue vibrando con forza, tradición e pasado medieval no corazón do Macizo Central
O Folión de Sobrado de Trives é unha das manifestacións culturais máis antigas da comarca, destacándose especialmente durante o Entroido nas Terras de Trives. Esta tradición caracterízase polo "folión" que percorre as rúas tocando bombos, sachas e gadañas, creando un ambiente festivo e rítmico.
Durante o Entroido, ademais de participar en xuntanzas na capitalidade da comarca tamén o fan en aldeas das bisbarras veciñas coma a de Valdeorras. Pero, sen dúbida o que máis satisfeitos os deixa e as saídas na súa propia vila que normalmente son o Xoves de Compadres, o de Comadres indo a botar un grolo polas adegas de Sobrado.
Ademais do seu papel no Entroido, a asociación do folión é responsable da organización da Festa Medieval de Sobrado, unha celebración que rememora o pasado medieval da localidade. Esta festa inclúe actividades como mercados medievais, desfiles de damas e cabaleiros, representacións teatrais e ceas temáticas, atraendo a numerosos visitantes cada ano.
A Asociación Cultural Folión de Sobrado é a encargada de manter viva esta tradición, promovendo eventos e actividades que reforzan a identidade cultural e preservan os seus costumes ancestrais.
Durante a Xuntanza de Folións celebrada en Vilamartín o pasado sábado, tivemos a oportunidade de falar con Antonio Blanco, membro do Folión de Sobrado.
Somos Comarca: Toño, cóntanos, dende cando levades no Folión de Sobrado?
Antonio Blanco: Bueno, pois non é de hoxe, senón que é un dos folións máis antigos da comarca da Pobra de Trives. Segundo estudos realizados, ten entre 200 e 250 anos de historia. Antes era a única tradición que existía na comarca e mantivémola a través dos nosos avós e pais.
Somos Comarca: Sobrado, ademais, é unha poboación con moita historia. Podes falarnos un pouco do seu patrimonio?
Antonio Blanco: Sí, contamos cun mosteiro que data do século XII e tamén con dous pazos que, aínda que agora son de propiedade privada, formaban parte do entorno histórico da Pobra de Trives.
Somos Comarca: Ademais do Entroido, que outras actividades realiza a Asociación do Folión de Sobrado?
Antonio Blanco: Durante todo o ano organizamos diversas actividades. Por suposto, o Entroido é a nosa celebración principal. O día 1 de marzo facemos o cocido do Entroido. En agosto, organizamos a Feira Medieval, unha recreación histórica cun mercado medieval e representacións.
Somos Comarca: Que diferencia ao Folión de Sobrado doutros folións?
Antonio Blanco: A gran diferenza é o toque dos nosos instrumentos. É único porque foi transcrito en partitura con notas musicais, algo que non ocorre noutros folións.
Somos Comarca: Cantos membros forman agora o Folión de Sobrado?
Antonio Blanco: Na asociación somos 126 persoas. Porén, como moitos viven fóra do pobo, durante o Entroido solemos ser arredor de 40 participantes.
Somos Comarca: Existe algunha figura emblemática dentro do folión?
Antonio Blanco: Non contamos con figuras tradicionais como noutros folións. Antes tiñamos unha "pantalla" similar a un peliqueiro, que consistía nunha saba cubrindo o corpo de cabeza aos pés. Utilizábase sobre todo na noite do "Xoves de Compadres", cando percorríamos as casas entregando galletas ou caramelos.
Somos Comarca: Que representa para ti o Folión de Sobrado?
Antonio Blanco: Representa moitas cousas, é algo difícil de describir con palabras. Son sentimentos arraigados que vivimos dende pequenos. Para entendelo, hai que vivilo en primeira persoa, tocando os instrumentos e formando parte do desfile.
Somos Comarca: No Entroido, que actividades realizades en Sobrado?
Antonio Blanco: Nos inicios do Entroido comezamos co "Xoves de Compadres", unha antiga tradición. Antano, o folión non saía do pobo, senón que percorría todas as casas. Tanto no Día de Compadres como no de Comadres, abrimos as adegas e percorremos o pobo mantendo viva a tradición.
O Folión de Sobrado de Trives segue sendo unha das expresións culturais máis auténticas de Galicia. Coa súa historia centenaria, a súa particular forma de interpretar a música e o seu compromiso coa tradición, segue marcando o ritmo do Entroido e fortalecendo a identidade cultural dunha terra e dunha xente.