Rosalía de Castro, protagonista dunha nova exposición en Quiroga

Rosalía de Castro, protagonista dunha nova exposición en Quiroga.
A mostra, que repasa a historia sobre a restauración e musealización da Casa da Matanza de Padrón, poderá visitarse na praza España até o 16 de setembro

Dende xa pode verse na praza de España de Quiroga a exposición "A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía", na que se repasa a historia sobre a restauración e musealización da Casa da Matanza de Padrón, onde a poeta pasou os últimos anos da súa vida. 

A mostra foi inaugurada pola deputada de Cultura, Iria Castro; o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera; e os concelleiros Xosé Manuel Fernández Montes, Vicente Parra e Luis Manuel Arias.

Está formada por paneis inseridos nunha estrutura que evoca distintas estancias dunha casa, acolle reproducións de documentos, fotografías e textos que repasan a súa historia e o esforzo colectivo, que impulsou a súa apertura como museo en xullo de 1971, con achegas de miles de galegas e galegos, no país e no exilio.

Organizada pola Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Quiroga —producida pola Fundación Rosalía e comisariada por Pepe Barro, autor da última renovación museolóxica da Casa-Museo de Rosalía de Castro— fai un repaso pola historia desta Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971.

A mostra, que chega a Quiroga no marco dunha itinerancia promovida pola Vicepresidencia da Deputación e que suma unha vintena de localidades, pódese visitar nesta praza ata o 16 de setembro.