Quiroga rende homenaxe aos pioneiros da súa emblemática Feira do Viño

Un emotivo recoñecemento aos que fixeron posible a primeira Feira do Viño de Quiroga, mantendo viva a tradición e a identidade vitivinícola da Ribeira Sacra.

A Casa da Cultura de Quiroga acolleu este sábado un acto cheo de emoción, memoria e recoñecemento, no marco da Feira do Viño de Quiroga, decana das feiras vitivinícolas da Ribeira Sacra. A homenaxe estivo dedicada ás persoas que fixeron posible o nacemento desta cita tan querida en 1980, e que con traballo, ilusión e paixón sentaron as bases dunha tradición que hoxe segue viva e máis forte ca nunca.

A encargada de conducir o acto foi Rosa, responsable da Biblioteca de Quiroga, quen abriu a cerimonia cunhas sentidas palabras: «Grazas por participar neste acto que ten por obxectivo manter viva a memoria colectiva da nosa vida». A continuación, cedeu a palabra ao tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Vicente Parra, impulsor deste recoñecemento desde a área que dirixe no Concello de Quiroga.

Parra destacou a importancia de poñer en valor o legado daqueles primeiros impulsores da feira, nun acto que c

ontou con dúas partes: unha exposición documental e fotográfica na entrada da Casa da Cultura —que poderá visitarse durante varios días— e a entrega dun agasallo simbólico a modo de gratitude.

Recoñecemento aos pioneiros

Os verdadeiros homenaxeados foron os tres pioneiros da primeira edición de 1980: José Morales Quiroga, Manuel Cardenal e Hilario González Fernández. Estes veciños, membros da Asociación Quiroguesa, foron quen tiveron a visión de poñer en valor o viño como produto emblemático da comarca, organizando a primeira feira coincidindo co San Martiño.

Tamén se recoñeceu o labor doutras persoas que participaron nas primeiras edicións ata 1985, recibindo tamén o seu merecido agasallo: Cesáreo Castro, Miguel Ferrero, José Antonio Rodríguez López (colaborador e pregoeiro en 1983), José Muñoz, Domingo Guntiñas, Emilio Quiroga, José Cerrato e José Luis Rivera Castro, actual alcalde de Quiroga.

O acto contou ademais con mencións especiais á familia do poeta Uxío Novoneyra, primeiro pregoeiro da feira e quen plasmou o viño de Quiroga na súa obra literaria; á familia de Francisco Teijeiro, alcalde entre 1975 e 1983; e a Antonio Mejía, rexedor entre 1983 e 1987, polos seus respectivos apoios ao certame.

Unha historia de identidade e tradición

Durante o acto, tamén tivo un espazo moi especial a intervención da filla de José Morales, quen compartiu lembranzas cargadas de sentimento: «O que vos veño contar non está en arquivos nin en hemerotecas. Son vivencias que me transmitiu o meu pai, historia oral que forma parte da alma deste pobo».

Recordou como a idea da feira naceu tras a visita de Hilario González á feira do Aguillón, na Rúa, en Valdeorras, e como xunto a Morales e Cardenal decidiron replicar a iniciativa en Quiroga, converténdoa nunha festa do pobo e para o pobo. Un evento que, segundo relatou, respiraba ambiente de «concordia e irmandade», e que hoxe segue a transmitir ese espírito colectivo.

somoscomarca_quiroga_feiradoviño8256

A súa intervención pechou cun chamamento a recoñecer a verdade histórica da feira: «Lembrar a orixe da Feira do Viño non é unha cuestión de nostalgia, senón de xustiza. É importante reivindicar o que nos pertence e dar valor ao que se fixo con amor polo noso pobo».

A primeira feira, un éxito inesperado

A historia da Feira do Viño de Quiroga comezou o 11 de novembro de 1980, coincidindo co San Martiño. Naquel primeiro certame, celebrado na Praza Maior, os participantes achegaban 40 litros de viño, que eran degustados nunha cata popular onde todo o mundo podía votar o seu caldo favorito.

A pesar da choiva, a praza encheuse de veciños e visitantes, e a cata durou máis de tres horas. Foi tamén nesta ocasión cando se organizou unha queimada popular e o pregoeiro foi o propio Uxío Novoneyra, cun discurso que deu inicio a unha tradición que continúa ata hoxe.

Con altos e baixos, novas datas e localizacións, a feira foi consolidándose como un dos eventos máis importantes da Ribeira Sacra. E dende aquela primeira edición, xa van máis de catro décadas de celebracións ininterrompidas (agás por causas de forza maior), nas que o viño, a cultura e a identidade local foron sempre os grandes protagonistas.

A festa continúa este sábado e mañá domingo. Ás 11.30 horas, as gaitas tomarán o protagonismo co XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas “Memorial Muíño”, que arrincará cun desfile desde a rúa Real ata a Praza de España, onde terá lugar o concurso.