O Concello de Quiroga deu comezo á súa primeira edición da Feira de Nadal esta fin de semana, convertendo a Praza España nun punto de encontro para o comercio local, a artesanía e a tradición. Hoxe e mañá, unha gran carpa albergará os 13 postos de artesáns e comerciantes locais, ademais de ofrecer actividades infantís, obradoiros creativos e animación musical. A iniciativa busca dinamizar o comercio local e poñer en valor o sector artesanal da zona.

Ás doce do mediodía de hoxe, o Vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Efrén Castro, acompañado polo equipo de goberno local, foi o encargado de inaugurar o recinto feiral. Entre as actividades máis esperadas, destacou a visita do Apalpador, que chegou desde as montañas do Courel acompañado do seu burriño, facendo as delicias dos máis cativos con contos e cancións cheos de maxia.

Os 13 postos do mercado ofrecen unha ampla variedade de produtos que van desde roupa, libros e viños, ata mel do Courel, bixutería artesanal e utensilios de madeira de oliveira. Entre eles destacan Nadira, Etna, Xobel, Libraría Celia, Adega EDV, Aruba, Eryn, Aramel, Silvia, Caurelor, Riomao Estudio Creativo, Trapalladas Artesanía e Armaior.

Para fomentar a aprendizaxe dos oficios artesanais entre os máis pequenos, organizaranse dous obradoiros gratuítos o de hoxe foi de Decoración de Pintura en Madeira para Nadal a cargo de Riomao Estudio Creativo. Para a xornada dominical, de 11:00 a 13:00 horas, haberá un obradoiro de Elaboración de Pulseiras de Coiro Personalizadas, impartido por Trapalladas Artesanía.

Tamén mañá domingo, a música tradicional será protagonista da man da charanga Benofán, que actuará pola mañá de 12:00 a 13:30 horas e pola tarde de 16:30 a 18:00 horas, garantindo un ambiente festivo.

Esta primeira edición da Feira de Nadal conta co apoio da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel, e está organizada polo Concello de Quiroga, cofinanciada polo Centrad da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que achegou 5.000 euros para a súa realización.

Despois desta primeira xornada, o alcalde xa está a pensar no vindeiro ano xa que segundo explicou a Somos Comarca «está saíndo moi ben e a xente está respondendo. Para o ano que vén poremos unha carpa máis grande e máis postos».
Horarios:
- Mañás: 11:00 a 14:00 h.
- Tardes: 16:00 a 20:00 h.
Unha oportunidade única para vivir o espírito do Nadal mentres se apoia o comercio local e se descobre a riqueza da artesanía de Quiroga.
Se queres percorrer o mercadillo a tracés da nosa cámara, no seguinte vídeo atoparalo: