Quiroga aborda o deterioro cognitivo nun novo Faladoiro no Centro Social

Quiroga aborda o deterioro cognitivo nun novo Faladoiro no Centro Social
A sesión celebrarase o mércores 29 de outubro, ás 18:00 horas, na Biblioteca do Centro Social de Quiroga, e contará coa participación de María Lillo Montes, psicóloga especializada en neuropsicoloxía e terapeuta familiar

O Concello de Quiroga continúa co seu programa de envellecemento activo a través do ciclo «O Faladoiro», que nesta ocasión centrará o seu debate no deterioro cognitivo. A sesión celebrarase o mércores 29 de outubro, ás 18:00 horas, na Biblioteca do Centro Social de Quiroga, e contará coa participación de María Lillo Montes, psicóloga especializada en neuropsicoloxía e terapeuta familiar, quen estará acompañada polo concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández, que exercerá de moderador.

Baixo o título «Deterioro cognitivo», a actividade ofrecerá unha visión divulgativa sobre que é exactamente esta alteración, como se manifesta e que diferenzas existen entre un deterioro leve e un máis significativo. Tamén se abordarán cuestións prácticas sobre a prevención, o freo da sintomatoloxía e as repercusións persoais e familiares que poden derivarse das demencias.

María Lillo, monfortina de nacemento e afincada na Pobra do Brollón, traballa desde 2004 na Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Monforte (Afamon), entidade coa que o Concello de Quiroga mantén unha colaboración estable. A profesional é coñecida na comarca polo seu labor á fronte dos obradoiros de memoria que se imparten no marco desta asociación.

Desde a Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá, o Concello reforza así o seu compromiso cun envellecemento activo e autónomo. Ademais do Faladoiro, mantéñense en marcha obradoiros de memoria para maiores de 50 anos, cunha duración de nove meses e periodicidade semanal; un programa de estimulación cognitiva no Centro de Día, tres días á semana, dirixido a persoas con alzhéimer e outras demencias; e xornadas formativas para profesionais do coidado de maiores, iniciadas en 2024.

«O Faladoiro» busca ser un espazo de coñecemento e socialización no que o público non é só espectador, senón tamén parte activa. A dinámica consiste nunha charla entre o moderador e a persoa convidada, na que os asistentes poden intervir, facer preguntas e compartir experiencias propias.

En palabras da organización, o obxectivo é ofrecer información, reforzar a seguridade e axudar ás persoas maiores a manter a súa autonomía e conexión coa sociedade.