
"Plantas silvestres, o botiquín da nosa terra" é o tema sobre o que versará o segundo “Faladoiro” organizado pola Concellería de Servizos Sociais, e que terá lugar na tarde deste mércores, 28 de febreiro, a partir das seis da tarde, nas instalacións do Centro Social.
O Faladoiro é unha iniciativa da Área de Servizos Sociais do Concello de Quiroga que busca crear un espazo de socialización e de coñecemento, na que partindo dun tema a tratar e dunha persoa convidada, os asistentes poden intervir para coñecer máis á relatora ou relator, para aprender, e incluso para contar as súas experiencias.
A convidada deste mes, Carol de 'Malas hierbas', ten raíces en Ribas de Sil e un bo día decidiu vir de Barcelona apostando pola vida no rural. Dende hai un tempo vive en Torbeo e impulsa un proxecto que pon en valor o poder curativo das plantas.
Na sesión do vindeiro mércores, acompañada polo concelleiro, Xosé Manuel Fernández Montes —exercendo de moderador—, Carol contaranos como chegou a Galicia e o seu descubrimento das plantas da nosa contorna. A partir de aí, irase coñecendo moito máis sobre o uso das plantas, dende tempos pasados nas aldeas ata a súa recuperación nos nosos tempos.
Ademais, Carol falará sobre o poder de sanación e os métodos de utilización das plantas; á vez que recomendará libros para iniciarse no seu coñecemento.