Peitoescuro: da terra á música, a voz do rural no Faladoiro de Quiroga
Rubén Gutiérrez, coñecido artisticamente como Peitoescuro, é moito máis ca un enxeñeiro agrícola. Apaixonado pola olivicultura e coa terra sempre nas mans, este madrileño asentado en Covas leva anos dándolle forma a un proxecto que une tradición e creación: a súa música. Agora, vén compartir a súa historia no Faladoiro que acollerá o Centro Social de Quiroga o mércores 26 de febreiro.
Peitoescuro, nome inspirado nos paporrubios, acaba de estrear o seu primeiro sinxelo, «Alvorada», producido por Iago Pico, colaborador de Tanxugueiras. O tema é só o comezo dunha triloxía audiovisual que servirá de antesala ao seu álbum debut.
No coloquio, moderado por Xosé Manuel Fernández Montes, o artista falará sobre a súa decisión de deixar a cidade hai nove anos para vivir e crear no rural. A súa música, marcada pola conexión coa terra e coas tradicións locais, é testemuña da súa aposta por un xeito de vida no que o campo e a arte camiñan da man.
A cita será ás 18:00 horas, nun espazo aberto á veciñanza onde, ademais de coñecer a historia de Peitoescuro, os asistentes poderán compartir as súas reflexións e experiencias.