Mariia, exemplo de superación e adaptación, protagonista do Faladoiro de decembro en Quiroga
O Centro Social de Quiroga acollerá este Nadal unha nova cita do Faladoiro, un espazo de encontro e diálogo aberto á veciñanza que neste mes de decembro terá como protagonista a Mariia, unha muller ucraína que se converteu nun exemplo de superación, integración e adaptación á vida na comarca.
Mariia chegou a Quiroga en marzo de 2022, poucos días despois do inicio da guerra en Ucraína. Desde entón, foi construíndo pouco a pouco unha nova vida lonxe do seu país, adaptándose aos costumes, ao clima e mesmo á lingua galega, un proceso que afrontou con constancia e esforzo. Durante este tempo traballou como coidadora e limpadora, e actualmente está empregada na Residencia de Maiores de San Clodio.
A súa formación profesional é a de psicóloga, unha carreira que espera poder exercer no futuro cando consiga convalidar o seu título en España. Mentres tanto, continúa avanzando na súa integración persoal e laboral, cun desexo que segue moi presente, que o seu único irmán poida reunirse con ela, algo que hoxe non é posible debido ás restricións que impiden aos homes saír do seu país.
O Faladoiro de decembro, que habitualmente se celebra o último mércores de cada mes, adiántase nesta ocasión ao martes 30 de decembro, ás 18.30 horas, no Centro Social de Quiroga.
Esta actividade está promovida polo Concello de Quiroga, a través da Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá, e conta nesta ocasión coa colaboración do Centro de Información á Muller (CIM). O encontro estará moderado polo concelleiro de Servizos Sociais e Participación Cidadá, Xosé Manuel, e pola concelleira de Educación, Infancia, Igualdade e Comunicación, Mayte Pérez Grao.
O Faladoiro é un espazo aberto á participación cidadá, concibido para a socialización e o intercambio de experiencias. Tras unha breve presentación da persoa convidada, as persoas asistentes poden intervir, facer preguntas ou compartir vivencias propias, xerando un diálogo próximo e enriquecedor.
Ao longo deste ano, foron moitas as persoas que pasaron por este espazo para contar parte das súas historias vitais. Entre elas, Hermitas García, hematóloga e veciña de Quiroga, que falou sobre o accidente cerebrovascular; Teresa Taboada, responsable de Espazo Sacro, dedicada ao ioga e á sanación mental; ou Aida Marcos, veciña de Bustelo de Fisteus, que regresou á súa terra tras máis de vinte anos fóra como muller emprendedora.
Tamén participaron Mario Lillo, psicóloga encargada das clases de memoria a través da entidade Afamon; Rubén Gutiérrez, enxeñeiro agrícola asentado nas Covas e cantautor baixo o nome de Peitoescuro; e, no pasado mes de novembro, a parella formada por Laura e Jeyco, do proxecto Terriña Salvaxe, que compartiron a súa experiencia baixo o lema “Quiroga, terra de acollida”.
A historia de Mariia suma agora unha nova voz a este espazo de encontro, reflexión e convivencia, reforzando o espírito do Faladoiro como un lugar onde as historias persoais axudan a comprender mellor a realidade social da comarca.