María Teresa Taboada protagoniza o Faladoiro de abril en Quiroga cunha charla para «aquietar a mente»

María Teresa Taboada protagoniza o Faladoiro de abril en Quiroga cunha charla para «aquietar a mente»

O Concello de Quiroga celebra este mércores, 30 de abril, unha nova sesión do Faladoiro no Centro Social. Nesta ocasión, a convidada será María Teresa Taboada, unha muller de orixe quiroguesa que deixou atrás a súa vida empresarial en Madrid para abrir un novo camiño vinculado ao benestar e á conexión coa natureza.

Desde 2018, Taboada dirixe «Espazo Sacro», un lugar onde imparte clases de ioga e terapia cráneo-sacral. A súa intervención, titulada «Aquietar a mente», pretende ofrecer ferramentas para mellorar a saúde mental e emocional nun mundo cada vez máis acelerado.

O encontro celebrarase ás 18:00 horas na Biblioteca do Centro Social e será moderado polo concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández Montes. O Faladoiro é unha actividade impulsada polo Concello a través da área de Servizos Sociais e Participación Cidadá, e ten como obxectivo fomentar a socialización, o coñecemento e a aprendizaxe compartida entre as persoas asistentes.

Como é habitual, a sesión será aberta ao público e contará cun espazo para a participación e o diálogo.