
O novo vehículo co que conta o centro de día de Quiroga xa están en marcha para poder recoller a todos os usuarios que o soliciten. Durante a mañá do nove de maio, o equipo de goberno presentaba o novo coche que manexará persoal xa pertencente o concello.
Segundo explican dende a alcaldía, «suporá un aforro en custos e a finalización da externalización do servizo de transporte». O Concello de Quiroga solicitou unha subvención á Consellería de Política Social e Xuventude para a adquisición deste vehículo destinado a persoas maiores, dependentes ou con discapacidade ao amparo do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU.
Este é un centro xerontolóxico, socio-terapéutico e de apoio ás familias que presta os servizos de atención social e terapia ocupacional. Tamén conta con servizos complementarios como é o servizo de manutención e dietas e o servizo de transportes de recollida a domicilio. Estes servizos funcionan a demanda dos usuarios.
O vehículo dispoñible ten unha gran capacidade que permite que os usuarios entren e saian facilmente. Ademais está capacitado para poder adaptarse como transporte de persoas con mobilidade reducida, podendo utilizalo cunha cadeira de rodas na súa parte traseira; algo que, como matizaron o Alcalde, José Luis Rivera, e o Concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández, na presentación, ten en mente o Equipo de Goberno.