martes 7/12/21

O tráfico foi restablecido as poucas horas, o incendio afecta nestes intres a unhas 100 hectáreas

As lapas obligaron esta noite a cortar a circulación na autovía A-52 ao seu paso pola parroquia de Pentes (A Gudiña), o tráfico foi desviado pola N-525 ao seu paso pola Gudiña, sendo restablecido as poucas horas.

O incendio está activo dende as 20,47 h. de onte, as últimas estimacións provisionais indican que rolda as 100 hectáreas de superficie afectada. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 4 axentes, 11 brigadas, 7 motobombas e 1 pa.

Incendio en Vilariño

O Concello de Vilariño de Conso tampouco se libra das lapas, xa que nestes intres hai un incendio activo desde as 02,22 horas desta madrugada, concretamente na parroquia de Sabuguido, que segundo as últimas estimacións supera as 20 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o seu control lévanse mobilizado 2 axentes, 4 brigadas e 2 motobombas.

Quiroga

Está controlado dende as 20,27 h. de onte o incendio do concello lugués de Quiroga, parroquia do Hospital, que se iniciara o venres ás 00,03 h. Segundo as últimas medicións, afecta 53,09 hectáreas de superficie, das cales 34,12 son arboradas e as 18,97 restantes rasas. Para o seu control lévanse mobilizado 12 axentes, 38 brigadas, 22 motobombas, 2 pas, 7 helicópteros e 6 avións. 

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

As lapas obligaron a cortar a autovía A-52 na Gudiña