
O tiro ó prato marca a xornada de hoxe na que a música estará ó cargo da orquestra Samba
As festas da patroa do Barco comezaban onte, na xornada festiva do Día das Letras Galegas. A protagonista unha vez máis, a chuvieira intermitente e o frío que desluciron os actos da xornada.
O programa agardaba onte, ademais dunha potente e ruidosa tirada de bombas anunciando o comezo das festas, o Campionato de Galicia de Clubs de Atletismo que se celebrou durante toda a xornada en Calabagueiros. Pulpada e gaiteiros na praza do Sagrado para conmemorar o Día das Letras Galegas e pola tarde baile e Verbena no Malecón co grupo D´Moda
Hoxe ás 11:00 horas unha salva de bombas de palenque anunciaba de novo que O Barco seguía coa festa ao igual co ceo gris anunciaba a choiva. O 12º Premio Vila do Barco, de tiro ó prato marcará a xornada. Comeza ás 16:30 horas, no polígono industrial da Raña e seguirá até as 21:00 horas. Mañá tamén haberá xornada de tiro desde as 11:00 horas até as 14:00. Os vinte mellores tiradores terán premio así como os 8 reenganches.
A orquestra Samba amenizará a festa e o baile no fondo do Malecón.
O tempo tende a mellorar, segundo MeteoGalicia, agárdase unha xornada de ceos con nubes e claros ó comezo e cara a metade do período, aínda que ó final do mesmo tenderán a estar pouco anubrados ou despexados. As temperaturas serán normais para esta época do ano, con mínimas sen cambios aínda que oscilarán e máximas en ascenso notable.
Segue a exposición de camisetas no paseo do Malecón. Este tendedeiro particular, trátase dunha iniciativa do Centro Comercial Aberto do Barco, en colaboración cos Equipos de Dinamización Lingüística dos centros de educación IES Martaguisela, CEIP Julio Gurriarán, CEIP Divina Pastora, CEIP Otero Pedrayo, CEIP Condesa de Fenosa e IES Loureiro Olmo, dentro da campaña das Letra Galegas, que este ano rende homenaxe ao escritor Antón Fraguas.
Esta campaña ten como finalidade promover o coñecemento do galego así como dar a coñecer e promocionar os establecementos asociados ao Centro Comercial Aberto entre a poboación máis nova.
Ademáis do tendedeiro as camisetas tamén se atopàn nos escaparates de 36 comercios pertencentes ao Centro Comercial Aberto que colaboran expondo, nos seus escaparates, os traballo realizados polos nenos e nenas dos centros educativos participantes.
Durante todas as festas establécese un dispositivo de seguridade no que se inclúen cortes estritos, nas rúas: Paseo do Malecón, Abdón Blanco e Barco de Ávila, ás que só se poderá acceder avisando ós axentes que velan pola seguridade ou se se produxese unha emerxencia.