José María Álvarez: «A historia tamén vive nas nosas casas e apelidos»

Entre arquivos e lembranzas: o pregoeiro reivindica a memoria do rural no pregón de Arte no Rural a mostra de arte da Portela

A aldea da A Portela de Portomourisco volveu transformarse este 1 de maio nun espazo onde a arte dialoga coa memoria. Ata o vindeiro día 3, as súas rúas, casas e recunchos convértense nunha galería ao aire libre coa celebración da cuarta edición de Arte no Rural, unha iniciativa que continúa medrando e consolidándose no territorio.

O acto inaugural estivo conducido pola presidenta da Asociación A Rabiosa, Sandra Álvarez, que foi a encargada de presentar ao pregoeiro, José María Álvarez. Durante a súa intervención, agradeceu a presenza do público e o traballo de todos os artistas participantes nesta cuarta edición, clave para que o proxecto siga medrando ano tras ano. Como símbolo da entidade, fíxolle entrega ao pregoeiro dunha figura dun burro, emblema da asociación.

Figura de Torino realizada cun tronco queimado polo lume de agosto

O pregón, lonxe de ser un discurso convencional, converteuse nunha viaxe no tempo. José María Álvarez levou ao público desde o século XVIII ata a memoria máis recente da aldea, mesturando historia documentada e vivencias persoais.

A intervención comezou cunha ollada ao Catastro de Ensenada, un rexistro que permite reconstruír a vida na zona no século XVIII. A través destes documentos, o pregoeiro puxo nome e contexto á realidade da época, lembrando que daquela había dez veciños na Portela e corenta e nove en Portomourisco, con apelidos que, aínda transformados, seguen presentes hoxe.

Pouco a pouco, o relato foi collendo un ton máis íntimo. A historia familiar entrelazouse coa do territorio, evocando xeracións, migracións e episodios marcados pola dureza da vida rural. Desde os antepasados documentados nos arquivos parroquiais ata historias da guerra de Cuba ou das dificultades económicas doutros tempos.

Tamén houbo espazo para a historia colectiva, como a construción da ponte de Portomourisco no século XVIII, fundamental para conectar comarcas e facilitar o paso de peregrinos cara ao Santuario das Ermidas, ou os episodios da Guerra da Independencia, que deixaron vítimas e pegadas na memoria local.

O pregón deu cabida igualmente ás lembranzas máis próximas: as festas da Portela, as orquestras que chegaban en tren ou pequenas historias cargadas de humanidade e retranca que forman parte da identidade do lugar.

O peche chegou cun manifesto artístico que conecta directamente co espírito de Arte no Rural. Baixo o concepto de “Arte cuneta”, José María Álvarez propuxo unha reflexión sobre a sociedade de consumo a través de obxectos desbotados, recuperados e convertidos en pezas artísticas que interpelan ao espectador.

Durante estes días, A Portela deixa de ser só un lugar para habitar e convértese nun espazo para mirar, lembrar e crear. A arte mestúrase coa paisaxe e coa historia nunha proposta que reafirma o valor do rural como escenario cultural vivo.

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado