Xincana polos comercios do Barco para homenaxear ás cantareiras no Día das Letras Galegas
Os Equipos de Dinamización da Lingua Galega, en colaboración co Centro Comercial Aberto (CCA), a Xunta de Galicia e o Concello do Barco de Valdeorras, organizan entre o 14 e o 31 de maio unha homenaxe ás cantareiras e á poesía oral tradicional con motivo do Día das Letras Galegas, que este ano a Real Academia Galega dedica á poesía popular.
A actividade central será unha xincana pola vila: a veciñanza poderá buscar versos das cantareiras expostos nos escaparates dos comercios asociados. Os participantes deberán selar un folleto que poden recoller nos establecementos do CCA e, unha vez cuberto, entregalo na sede do Centro Comercial Aberto ou nos comercios habilitados. O gañador ou gañadora recibirá 25 euros, e ademais sortearase un vale de 50 euros entre todas as persoas participantes para gastar en librarías locais.
Como en anos anteriores, o alumnado dos centros educativos decorará unha parte do Paseo do Malecón do Barco. Nesta ocasión, os motivos elixidos serán pandeiretas adornadas con versos e referencias ao tema central do Día das Letras: a poesía popular e o legado das cantareiras.
Os centros participantes son: CEIP Xulio Gurriarán, CEIP Condesa de Fenosa, CEIP Otero Pedrayo de Viloira, Colexio Plurilingüe Divina Pastora, CEIP Virxe do Camiño de Rubiá, IES Martaguisela e IES Lauro Olmo. O alumnado leva tempo traballando en actividades relacionadas co cancioneiro popular, como a recreación fotográfica de versos, e unha selección destas imaxes poderá verse nos escaparates dos comercios.
Tamén se organizará unha exposición sobre as pandeireteiras tradicionais galegas. Así o Paseo do Malecón do Barco encherase de cor e poesía coa intervención artística dos escolares.
Brais Moure, do equipo de Dinamización do IES Lauro Olmo, destacou a importancia de reivindicar a lingua, a literatura e a identidade galegas a través das mulleres que foron e son gardiás da tradición oral: «Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción e Manuela son nomes que queremos lembrar con este mullerenaxe simbólico».
Jacobo Arias, presidente do CCA, agradeceu a implicación dos colexios e das familias, destacando a ilusión coa que os rapaces e rapazas participan na actividade cada ano.