viernes. 19.04.2024
somoscomarca_zoar_conciertoletras_2022-05-10
Xa se poden reservar as entradas do Concerto das Letras Galegas no Barco

O Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras acollerá o vindeiro día 16 (20:00 horas) unha das actividades centrais coas que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra o Día das Letras Galegas. Trátase do tradicional Concerto das Letras Galegas que homenaxea tanto ao poeta como ao activista político e cultural Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, Ourense, 1903 - Fair Oaks, USA, 1987), como á memoria dos exiliados e exiliadas republicanos, que, coma el, pasaron de Galicia a México.

O concerto  corre a cargo do grupo Zoar e nel estrearase a peza Diásporas, composta para a ocasión por Carme Rodríguez. A entrada é libre e de balde.

O grupo Zoar é o encargado da duodécima edición do Concerto das Letras Galegas. Un dos seus integrantes, Álex Salgueiro, explicou que “está pensado nesta dobre premisa: homenaxear a persoa de Florencio Delgado pero tamén o colectivo que formou parte do exilio mexicano”.

Por iso, o programa que se poderá escoitar no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras está conformado, por unha banda, por pezas que fan referencia explícita ao homenaxeado e, por outra, “as creacións musicais ligadas á diáspora mexicana con obras dos seus principais referentes como Adolfo Salazar e Rodolfo Halffter e mais o galego Jesús Bal y Gay; bos amigos xa dende a súa etapa madrileña que se reencontraron en México, onde seguirían colaborando, en particular na creación da revista Nuestra Música.

Hai tamén outras pezas que non están en relación con estes dous grandes eixes de homenaxe e son unha chiscadela á cultura local, como é “Aureana do Sil”, de Federic Mompou, a partir dun texto de Ramón Cabanillas, e na que participou moi activamente o ourensán Antonio Fernández-Cid.

En cada edición do Concerto das Letras Galegas hai unha estrea absoluta a partir dunha encarga do CCG. Nesta ocasión, a estrea é a peza Diásporas, composta por Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996). É unha peza contemporánea na que a compositora parte de catro textos do poemario Galicia infinida (“Xacarandá”, “Volta”, “Enamórame o feitizo do tesouro” xunto cun extracto de “Galicia infinda”) para ofrecer “unha estrutura musical na que se amosa ese soño da Galicia infinda da que falaba Florencio; unha aventura ética que non deixa atrás do tema da saudade, a sensibilidade e o achegamento á natureza de México que comparaba coa de Galicia” explicou Carme Rodríguez. É tamén a primeira vez que unha muller se encarga da composición que se estrea no marco desta iniciativa.

O grupo Zoar é un conxunto de cámara fundado en 2009. Neste concerto participan Joan Ibáñez na frauta, frautín e frauta en sol; David Villa no óboe e corno inglés; Antonio Suárez na trompa, clarinete e clarinete baixo, e Álex Salgueiro no fagot e contrafagot. A soprano elexida nesta ocasión é Clara Jelihovschi Panas. A directora artística do concerto é Ana Inés Jabares-Pita, o deseño de luces corre a cargo de Octavio Mas Ibáñez e Masako Hattori é a deseñadora do videoarte que se empregará durante o concerto.

A entrada ao concerto é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. As entradas poderán retirarse no despacho de billetes do Teatro Lauro Olmo o propio día do concerto a partir das 19:00 horas e tamén se poden reservar no teléfono 988 320 053.

Xa se poden reservar as entradas do Concerto das Letras Galegas no Barco