A voz de Rosalía toma a praza do Concello no 23 de febreiro
Hai datas que non precisan explicación. O 23 de febreiro é unha delas. Galicia conmemora o nacemento de Rosalía de Castro, e faino enchendo rúas, prazas e centros educativos de versos que forman parte da nosa identidade colectiva.
Este ano sucedéronse os actos en toda Galicia para lembrar á autora de «Cantares Gallegos», con lecturas públicas, actividades escolares e iniciativas culturais que puxeron o foco na vixencia da súa obra.
En O Barco, o alumnado de sexto curso do CEIP Condesa de Fenosa quixo sumarse á celebración cunha homenaxe sinxela pero cargada de simbolismo: o recitado público do poema «Adiós ríos, adiós fontes» na praza do Concello.
Ao paso da veciñanza, os nenos e nenas foron debullando as distintas estrofas, ao xeito dos “homes libro” de Ray Bradbury, converténdose en transmisores vivos dun texto que atravesa xeracións. Cada fragmento estivo acompañado dunha representación plástica do seu contido, facilitando a comprensión do significado profundo do poema mesmo para aquelas persoas que non teñen dominio do galego.
Ao acto asistiu o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, que acompañou ao alumnado e ao profesorado nesta iniciativa desenvolvida no centro da vila. Ao remate do percorrido polas estrofas, as persoas que se detiveron a escoitar recibiron un marcapáxinas conmemorativo como recordo da xornada.
Nun contexto no que se espallan discursos de rexeitamento cara ás persoas migrantes, a lectura de «Adiós ríos, adiós fontes» cobra unha dimensión especial. Rosalía puxo palabras á dor de quen se ve obrigado a abandonar a súa terra na procura de mellores condicións de vida. Galicia foi terra de emigrantes e moitas familias coñecen ben esa experiencia.
A homenaxe celebrada na praza do Concello foi, así, algo máis ca unha actividade escolar. Foi un exercicio de memoria e empatía, un recordatorio de que os versos escritos no século XIX seguen interpelándonos hoxe.
Este 23 de febreiro, en O Barco e en toda Galicia, Rosalía volveu soar en voz alta. E volveu facelo como sempre: convidándonos a pensar quen fomos e quen queremos ser.
Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado