A comarca de Valdeorras acolle esta fin de semana, os días 7 e 8 de marzo, o encontro anual da Asociación Galega de Bloggers de Viaxes (Galicia Travel Bloggers), unha cita que reúne a máis de vinte creadoras e creadores de contido especializados en turismo para compartir experiencias e contribuír á promoción de distintos destinos de Galicia.
Nesta ocasión, a asociación escolleu Valdeorras como escenario do seu encontro anual, unha decisión que tamén busca apoiar o territorio tras os incendios forestais sufridos o pasado verán. A iniciativa pretende dar visibilidade á comarca a través de blogs e redes sociais que contan con milleiros de seguidores dentro e fóra de España.

Durante toda a fin de semana, as persoas participantes están a realizar visitas culturais, experiencias gastronómicas, encontros con profesionais do sector turístico e percorridos por espazos naturais da comarca, xerando contido en tempo real que contribuirá a difundir a riqueza paisaxística, cultural e enogastronómica do territorio.

A xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), Emma González, destacou durante o encontro o valor diferencial da provincia e da comarca dentro das novas tendencias do turismo. Segundo explicou, «na provincia de Ourense e en comarcas como esta conservamos algo que hoxe ten moito valor: a autenticidade. As paisaxes, as costumes ou a enogastronomía seguen sendo moi verdadeiras, e iso está moi aliñado co turismo que cada vez se vai demandar máis».

González sinalou tamén que o visitante actual busca experiencias reais e contacto co territorio. «O que demanda agora o visitante é esa inmersión no territorio e o contacto cos prestadores de servizo», afirmou, ao tempo que puxo en valor o traballo dos emprendedores turísticos da comarca e as iniciativas impulsadas nos últimos anos para crear experiencias vinculadas ao viño, á natureza ou á cultura local.

Entre elas destacou proxectos como as ecoexperiencias de Trevinca-Valdeorras, que permiten vivir actividades singulares na comarca, ou a renovación da web turística do destino. «Queremos facilitar que quen descobre Valdeorras tamén saiba como vivir esas experiencias. Ese paso entre inspirarse e poder facelo realidade é fundamental para atraer o turismo que nos interesa», explicou.

A programación inclúe tamén o Coloquio Viajero 2026, celebrado este sábado no Salón Multiusos do Concello do Barco e aberto ao público ata completar capacidade. Moderado polo presidente da asociación, Alberto Ribas, o encontro reúne representantes de entidades colaboradoras e bloggers de distintos perfís para analizar cuestións como as tendencias viaxeiras para 2026, o futuro dos blogs de viaxes ou o papel das mulleres viaxeiras.

A integrante da xunta directiva de Galicia Travel Bloggers, Carmen Delia Díaz, explicou que a elección de Valdeorras responde tamén á vontade de apoiar e dar visibilidade ao territorio. «Decidimos reunirnos aquí un pouco para apoiar a comarca despois dos incendios do ano pasado. Cada ano facemos o encontro nun lugar diferente de Galicia, e este ano pensamos que era unha boa oportunidade para vir a Valdeorras».
O programa combina formación e actividades turísticas. Segundo detallou Díaz, «comezamos cunha sesión formativa sobre SEO e intelixencia artificial, porque a IA está cambiando moito o panorama dos creadores de contido». A continuación celebrouse o coloquio viaxeiro con distintos membros da asociación, entre eles representantes dos blogs A World to Travel, Tintineando, MiniOnTour ou Petiscos Galegos.

A fin de semana complétase con visitas ao entorno do Pazo do Castro, onde se celebra parte do encontro, e con actividades previstas para este domingo, entre elas unha visita ao Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra e unha cata sensorial na adega Roandi.
Desde Galicia Travel Bloggers subliñan tamén o potencial turístico do interior de Galicia. «Como blogueiros galegos tamén queremos contribuír a promocionar zonas que non son as máis coñecidas, pero que teñen un potencial enorme», destacou Carmen Delia Díaz, quen defendeu un modelo de turismo sostible e distribuído ao longo do ano.
«Todo o interior e a parte oriental de Galicia teñen un potencial brutal, desde o viño ata a gastronomía ou a paisaxe de montaña. O importante é promover estes destinos sen cambialos, mostrando Valdeorras tal e como é», concluíu.
Con este encontro, Valdeorras convértese durante dous días nun escaparate do turismo dixital, no que historias, fotografías e experiencias viaxarán a través de blogs e redes sociais para convidar a descubrir a comarca desde unha mirada próxima, responsable e comprometida co territorio.
