Este ano, a organización renovouse co nacemento do colectivo «Tremiñá no mapa», formado por veciños e veciñas que buscan recuperar e manter viva esta festa tradicional. Ao seu carón, colaboran como sempre o Concello do Barco e a Asociación de Mulleres Rurais de Veigamuiños, e nesta edición súmanse tamén a asociación Teatrotomía, Artesanía Enxebre e a Cooperativa Outonia.
O mercado mantén a excelente acollida doutras edicións e, a día de hoxe, xa hai máis de 50 postos confirmados. Os visitantes poderán degustar licores, doces, mel, queixos ou aceite, e mercar libros, artesanía en madeira, lousa, ferro ou cestería, entre outros. Todo feito a man, con coidado e mimo polos seus creadores.
Non faltarán tampouco as tabernas medievais, que ofrecerán opcións gastronómicas para todos os gustos, ideais para combater as altas temperaturas. A zona da feira contará ademais con espazos de descanso e, como elemento singular deste ano, unha leprosería que promete ser unha das visitas máis curiosas da fin de semana.
O programa inclúe actividades para todas as idades: contacontos, bufóns, espectáculo de lume e obradoiros especiais onde se poderá crear un terrario ou aprender a escribir como se facía na Idade Media, con xema de ovo. Para participar é necesario inscribirse previamente, xa que as prazas son limitadas.
Tamén se celebrarán o tradicional torneo de bolos (IX edición), o xogo da ra, demostracións de oficios tradicionais, xogos populares e a esperada malla, todo acompañado por actuacións musicais en directo que amenizarán cada momento da feira.
A xornada do sábado pecharase cunha proxección de cine de verán ao aire libre, mentres que o domingo pola mañá chegará a gran novidade deste ano: as Olimpíadas Medievais. Os equipos, formados por entre 3 e 5 persoas, deberán demostrar a súa destreza en deportes medievais. A inscrición custa 10 euros por grupo e xa está aberta.
O horario da feira será o sábado a partir das 18:00 horas e o domingo desde as 12:00 horas, ata peche en ambas as xornadas.
As persoas interesadas en participar nas actividades ou que precisen máis información poden contactar co colectivo Tremiñá no mapa no teléfono 606 009 378.