
Aurentino Alonso, Tino para aquelas persoas que estivemos durante anos nas súas clases. Despois de 37 anos como docente, 35 deles no IES Lauro Olmo, di adeus todas as xeracións que foron pasando polas súas emblemáticas clases.
Lembro o primeiro día que dixen: «Vou cursar debuxo técnico». Todos os exalumnos de Tino dixéronme o mesmo: «Será un profesor que sempre lembrarás». Non lles faltaba razón, 10 anos despois de superar as súas clases, sigo lembrándoo, sigo dándolle as grazas por todas esas veces que escribiu “respecto” no encerado.

Un profesor que soubo querer ata o último día as súas clases, que soubo ensinarnos debuxo técnico, pero tamén saber loitar polos nosos soños. «Eu sempre lle intentei inculcar aos meus alumnos que na vida non nos regalan nada», aseguraba Tino mentres lembraba os seus anos como profesor.
Para el os inicios tampouco foron fáciles, tivo que loitar para converterse no profesor que quería ser. Con apenas 23 anos abría as portas da súa primeira clase de automoción no Instituto de Formación Profesional de Ribadavia. «Esa primeira impresión era de susto e respecto. Nunca afrontara unha situación así, pero despois xa comezou a fluír».
Tras dous anos, mudouse ao Barco de Valdeorras. Unha localidade da que Tino non coñecía gran cousa. Entre todos os profesores que estaban naquel momento —agora xa non queda ningún no centro educativo— descubrían a zona e aos alumnos que sentaban nos pupitres.

Co paso dos anos acabouse convertendo no profesor que moitos de nós coñecemos: os traballos sempre eran máis importantes que os exames e interromper a clase era unha falta de respecto para todos. «Implica que che vexan serio, eu moitas veces rio na clase, pero é un momento serio», matiza. De feito, a súa definición de clase é: «O momento máis especial que ten un alumno e un profesor na súa relación».
Para Tino as cousas «a medias non están ben feitas». No seu caso, cre firmemente que a xente debería entender que «cando se acomete un traballo hai que facelo o mellor que saibas».
Despois da segunda semana de convivencia co alumnado xa podía adiviñar «a nota que ía sacar un alumno e pola nunha caixa, sabemos cando dá o máximo de si mesmo».
Agora é momento de descansar «e de deixar paso ás novas xeracións». Toca dedicarse tempo a un mesmo, «non son unha persoa que non poida facer nada, sempre buscarei algunha actividade». Terá máis tempo para «ser concelleiro ou facer sendeirismo». Co que queda é que «a vida é un agasallo, témolo que aproveitar ao máximo».