miércoles. 04.06.2025

A Semana do Cine pecha agosto un ano máis en clave cultural

Haberá películas en galego, castelán e para nenos, ademais dunha homenaxe a Antonio Castro Voces o día 30. A arte chegará cunha exposición de Susana Ferradás, Gerardo Rodríguez "Chere" e Vanessa Rodríguez
somoscomarca_240814_obarco_semanadocine_presentación573
A Semana do Cine pecha agosto un ano máis en clave cultural.

Do 23 ao 31 de agosto a sétima arte voltará a ser a protagonista no Barco coa celebración da trixésima terceira edición da Semana de Cine, organizada polo Cine Clube Groucho Marx en colaboración co Concello. Hoxe mércores presentouse a programación no Teatro Lauro Olmo coa participación de Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura; José María Rodríguez, do Cine Clube Groucho Marx; e Gerardo Rodríguez "Chere", artista.

As proxeccións infantís levaranse a cabo todos os días ás 17:00 horas e entre as películas atópanse "Gardiá de dragóns", "A familia Sylvanian", "Lassie, unha nova aventura" e "Pico de ouro e os seus amigos". 

A isto súmanse as proxeccións de cinema galego, español e de actualidade con títulos como "Civil War", "O mal non existe", "O nome da terra" ou "Os indesexables", entre outras. 

Todo isto complementarase co día homenaxe a Antonio Castro Voces. Será o venres día 30 de agosto e realizarase o acto "Butaca de honra". Proxectaranse ademais os documentais "Antonio..." e "Castro en Quereño" —o Valdeorras Pueblo a Pueblo que este medio gravou e produciu o pasado 23 de xuño—.

E non só iso, senón que o cartaz desta edición vai tamén dedicado á súa figura. Segundo explicaba José María Rodríguez, «va para el espectador pero sobre todo al amigo, por su espíritu y su sonrisa». 

«Son xa 33 anos desta Semana de Cine e o obxectivo é que non deixe de haber proxeccións cinematográficas no Barco», amosou Margarida Pizcueta. «Estamos moi orgullosos ademais por poder ver por fin "Dragón Blanco", de Rodrigo Marini». 

O programa complétase con música da man de Sito Trío, que ofrecerá un concerto na praza Maior o venres 23 de agosto ás 23:30 horas. Terá lugar despois do acto de inauguración, que este ano conta coa proxección e estrea de "Dragón Blanco" ás 20:00 —filme que poderá visualizarse durante toda a semana—.

Ademais, durante toda a semana estará aberta unha exposición de Susana Ferradás, Gerardo Rodríguez "Chere" e Vanessa Rodríguez no hall do Teatro Lauro Olmo. Leva por título de "Pel salgada" e «es un homenaje a la gente del mar. Lo que queremos es traer la costa al interior», explicaba Chere.

Baixo estas liñas pode ver o programa completo e horarios:

undefined

A Semana do Cine pecha agosto un ano máis en clave cultural