sábado. 23.08.2025

San Roque saíu polas rúas das Casas Baratas unha semana despois da festividade

Os incendios obrigaron a suspender a festividade o 16 de agosto e este sábado a veciñanza celebrou ao patrón cunha procesión máis curta  e cunha misa campestre nos xardíns do barrio barquense,
somoscomarca_20250828_obarco_casabaratas_procesionsanroque (3)

San Roque é sagrado no barrio das Casas Baratas do Barco de Valdeorras. Así o deixou claro a veciñanza este sábado, 23 de agosto, ao saír en procesión co santo polas rúas do barrio. A celebración, que habitualmente ten lugar o 16 de agosto, fora adiada debido á vaga de incendios que afectou a comarca durante esa semana, facendo irrespirable o aire e imposible calquera tipo de acto no exterior.

somoscomarca_20250828_obarco_casabaratas_procesionsanroque (4)

A procesión saíu ás 12:00 horas desde a capela de San Roque. Foi máis curta ca outros anos, debido á falta de relevo para portar as imaxes. A comitiva, acompañada por gaitas, percorreu parte do barrio antes de regresar á capela, onde se celebrou a tradicional misa de campaña no espazo posterior ao templo.

somoscomarca_20250828_obarco_casabaratas_procesionsanroque (2)

O párroco Jesús Álvarez foi o encargado de presidir tanto a procesión como a eucaristía. Na súa homilía, lembrou os efectos devastadores dos incendios que afectaron a zona de Valdeorras, e fixo un chamado á reflexión e á unidade. Subliñou o esforzo das persoas que loitaron contra o lume, moitas delas sen medios nin formación específica, tan só coa vontade de protexer o que é de todos.

somoscomarca_20250828_obarco_casabaratas_procesionsanroque (1)

A celebración de San Roque este ano foi máis sobria, sen grandes festas nin actividades paralelas. Pero para os veciños, o importante era cumprir coa promesa e manter viva a tradición. “Este ano tocounos tamén. Ao ver o resultado dos incendios en Valdeorras, decatámonos do que se perdeu e do que se puido perder”.

 

A pesar das circunstancias, os veciños do barrio mostraron unha vez máis que San Roque segue a ser un punto de encontro e de resistencia. A fe e a unión volveron ser os piares dunha celebración que, aínda que adiada, non perdeu o seu sentido nin o seu valor.

 

San Roque saíu polas rúas das Casas Baratas unha semana despois da festividade