jueves. 18.04.2024
somoscomarca_obarco_presentacioninforme_vianova_baltar_alfredo (2)
Presentación no Barco do informe sobre a Vía Nova aos alcaldes por onde pasa esta vía romana

Esta mañá celebrouse no Barco de Valdeorras unha xuntanza informativa para dar a coñecer o informe sobre a posta en valor da Vía Nova aos alcaldes dos concellos polos que transcorre esta calzada romana. A elaboración deste documento enmárcase dentro do traballo realizado nesta liña pola Deputación de Ourense, Eixo Atlántico e o Concello do Barco de Valdeorras e coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. 

Co título de "Informe sobre a Vía Nova, estado actual e propostas de dinamización para darlle un pulo como circuíto cultural", o documento achega diferentes medidas de recuperación que contan, segundo resaltan, cun gran potencial dinamizador. Este primeiro informe, realizado no marco do proxecto "Hi_Experience" e cofinanciado polo programa POCTEP, nace co obxectivo de estudar medidas para impulsar a Vía Nova, cuxa viabilidade queda prantexada a través de candidaturas a fondos europeos nas que se está a traballar de xeito conxunto. 

somoscomarca_obarco_presentacioninforme_vianova_baltar_alfredo (3)
Santiago Ferrer, Xoán Vázquez, Alfredo García e Manuel Baltar

O arqueólogo valdeorrés Santiago Ferrer foi encargado de facer o informe da parte galega deste estudo. Ferrer sinalou que este proxecto realmente «comezou hai 20 anos co estudio dos miliarios de todo o noroeste da península Ibérica». Resaltou a importancia da Vía Nova ou Vía 18 por ser «unha das vías de comunicación máis importantes do imperio romano no noroeste da península Ibérica que se conquista na época do emperador Augusto».Explicou as vías que comunicaban Brácara Augusta, Astúrica Augusta e Lucus Augusta —Vía 17 e Vía 19— e o porqué da Vía 18.

somoscomarca_obarco_presentacioninforme_vianova_baltar_alfredo (7)
Santiago Ferrer, Manuel Baltar, Xoán Vázquez e Alfredo García despois da presentación

O alcalde do Barco, Alfredo García resaltou a «necesidade da colaboración entre as distintas administracións dos territorios polos que transcorre a Vía Nova —León, Ourense e norte de Portugal— para un proxecto que pretende poñer en valor a romanización en toda Galicia». Por outra banda, explicou que «o seguinte paso é plasmar isto nun proxecto europeo cando se abra o prazo de presentación nos próximos meses». O alcalde do Barco de Valdeorras rematou agradecendo «a boa disposición que tivo a Deputación para realizar esta labor».

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que tamén participou esta mañá na presentación do informe xunto ao alcalde do Barco e presidente da Mesa da Asemblea do Eixo Atlántico, Alfredo García; o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; e Santiago Ferrer, autor da parte galega do informe e que foi o encargado de explicar polo miúdo as principais conclusións do traballo. O acto, celebrado no salón de actos do Concello barquense, contou  pola parte ourensá con representación da meirande parte da vintena de concellos polos que pasa a Vía Nova na provincia.

somoscomarca_obarco_presentacioninforme_vianova_baltar_alfredo (1)
Foto de familia ás portas do Concello do Barco

Na súa intervención, Manuel Baltar destacou que «as administracións públicas deben acostumarse a cooperar e traballar en rede, sobre todo para algo que nos define como a cultura». O presidente da Deputación agradeceu ás diferentes institucións involucradas no proxecto «por poñer en común experiencias e propostas que se transformarán nunha candidatura potente e avanzar na dinamización territorial». «É o momento de facer unha homenaxe á nosa historia, obxectivo dunha provincia cultural coma esta, a través dun estudo valiosísimo que fala do que fomos e tamén do que seremos», sinalou.

somoscomarca_obarco_presentacioninforme_vianova_baltar_alfredo (5)
O alcalde de San Xoán de Río , Xosé Miguel Pérez non faltou a cita

Xoán Vázquez Mao explicou que este proxecto de valorización vén dado «polo conxunto inmenso de riqueza patrimonial e cultural da época castrexa e romana que hai en Galicia, facendo necesario un circuíto cultural que conecte eses puntos». O secretario xeral do Eixo Atlántico destacou o «bo entendemento dos membros desa institución —Concello do Barco, Deputación de Ourense e Cámara Municipal de Braga—» . Ademais, Vázquez Mao expuxo a xénese deste plan de valorización da Vía Nova e explicou que «non será un traballo dun só ano, polo que se irán presentando proxectos a distintos fondos europeos, comezando polo POCTEP».

 

Circuíto Cultural da Romanización

O Eixo Atlántico ven desenvolvendo un proxecto liderado polo Concello do Barco e a Deputación de Ourense para a promoción do Circuíto Cultural da Romanización, unha iniciativa financiada polos Fondos de Cooperación Transfronteiriza da UE que pretende poñer en valor a pegada patrimonial e cultural castrexa e romana no territorio da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. 

Un dos piares deste Circuíto Cultural da Romanización é a recuperación e dinamización da Vía Nova, unha ruta romana que transcorría desde Asturica Augusta (Astorga) ata Bracara Augusta (Braga), cruzando en diagonal a nosa provincia, e cuxos numerosos vestixios se poden observar ao longo do territorio ourensán en diferente estado de conservación. Tendo isto en conta, o proxecto fai fincapé na súa restauración, boa sinalización, mantemento prolongado e promoción por parte das institucións públicas. 

somoscomarca_obarco_presentacioninforme_vianova_baltar_alfredo (4)
Alcaldes e representantes dalgún dos concellos por onde pasa a Vía Nova

A presentación deste informe serve como punto de partida ao impulso de diferentes candidaturas para recibir financiamento dos Fondos de Cooperación, conxuntamente co tramo portugués, que poidan ser invertidos na realización das distintas medidas dinamizadoras recollidas no informe. 

Presentación no Barco do informe sobre a Vía Nova aos alcaldes por onde pasa esta vía...