
A liberdade de amar marca o día de hoxe. E non só iso, senón tamén a liberdade de ser e de expresarse ao mundo. A quen amamos, a quen bicamos, a quen abrazamos, que ropa vestimos, como falamos, como nos peiteamos e, sobre todo, como sentimos. Todas estas circunstancias non son alleas, son propias, e conforman un dereito persoal de cada un de nós.
As primeiras marchas do Orgullo Gai tiveron lugar no ano 1970 en Estados Unidos. Chegaron un ano despois dos coñecidos como Disturbios de Stonewall (Nova York), que marcan precisamente o inicio da loita polos dereitos dos homosexuais. A madrugada do 28 de xuño de 1969, a policía de Nova York dirixiu unha redada contra o pub Stonewall.
Este pub servía a unha grande variedade de clientes, pero era popular por ter entre os seus habituais a gais, transexuais, drag queens, etc. O colectivo gai respondeu cunha serie de manifestacións que derivaron en incidentes violentos. Cabe destacar que as redadas contra pubs como este eran algo habitual.
O que marcou a diferenza foi que, inesperadamente, a policía perdeu o control da situación e os clientes e demais persoas que se achegaron ao lugar rebeláronse. É importante coñecer a historia para non repetila.

Hoxe a comarca de Valdeorras inicia o seu II Orgullo Valdeorrés. Unha iniciativa que nacía o pasado ano 2023 da man dun grupo de persoas comprometidas coa causa. Unha delas é Xabier Pérez, quen tamén organiza as actividades deste ano. El é da Rúa, ten 19 anos e actualmente estuda Matemáticas.
SOMOS COMARCA: LGTBIQ+. Que significa esta sigla?
XABIER PÉREZ: É todo o colectivo de xente que escapa da norma cishetero coa súa identidade ou orientación sexual. O "L" fai referencia ás lesbianas, que son as mulleres que se sinten atraidas por outras mulleres; o "G" é de gais, homes que se sinten atraidos por outros homes; o "T" é das persoas transexuais, nas que o seu xénero non se corresponde co que lle asociaron ao nacer; segue co "B" que é de bisexual, xente que se sinte atraida por ambos sexos; logo o "I" de intersexual, aquelas persoas que ao nacer nacen con ambos sexos á vez, algo anatómico; o "Q" sería para as persoas que non se sinten identificadas dentro de ningunha norma, serían os queer; e o signo "+" é para non deixar a ninguén fóra.
O colectivo é moi diverso, e todo o mundo vive a diversidade á súa maneira, moi particular, e as etiquetas poden ser infinitas.
SC: Que é para ti o orgullo?
XP: É o día no que o colectivo se pon no centro e expresa as súas reivindicacións. Pero eu creo que deberíamos estar no centro neste mes de xuño pero tamén todo o ano, porque existimos todo o ano. Reivindicar a nosa existencia contra o acoso e a discriminación que sufrimos.
SC: O orgullo ten ideoloxía?
XP: O orgullo son os dereitos humanos. Por iso todas as loitas deberían ir da man. O colectivo ten tamén unha loita feminista, antiracista... todas son polos dereitos humanos. Esa é a ideoloxía, os dereitos humanos.
Aínda hai moito que facer porque hai moitos países no que é un delito ser deste colectivo —mesmo con pena de morte—. Si é certo que no noso país temos máis dereitos que nunca, pero igual que se gañan, poden perderse. Por iso hai que seguir coas reivindicacións para non retroceder.

SC: É máis difícil pertencer ao colectivo no rural?
XP: Na nosa comarca de Valdeorras é especialmente difícil porque aínda que temos unha lexislación con cada vez máis dereitos non deixamos de sufrir discriminación na escola, no traballo, na rúa ou na nosa familia moitas veces. A homofobia aínda é un lastre en Valdeorras. Esa é unha razón pola que quizais te illas máis e evitas ampliar as túas contornas.
SC: Que ten que mellorar nestas zonas?
XP: A concienciación da xente. Se caen na conta de que as súas actitudes fan dano a certa xente deixarán de facelo. Por iso hai que manter estas actividades sempre, para concienciar á xente.
SC: Canta importancia ten que haxa personaxes do colectivo na ficción?
XP: Para a xente máis nova e nenos é moi importante que teñan referentes do colectivo e que poidan existir, con plena normalidade, artistas LGBT ou actores, personaxes... Si que está comezando a normalizarse pero é necesario ter esas referencias na ficción.
SC: Que lle dirías a unha persoa que estea pasando un mal momento por pertencer ao colectivo?
XP: Que saiban que o seu caso non é o único e que hai redes de apoio ás que poden acudir sempre. Non están sós.
A entrevista completa pode escoitarse aquí: