Músicos do Barco e de Vigo únense no mosteiro de Xagoaza
Un ensemble de saxofóns centra a cuarta cita do XII Ciclo De Perto mañá venres día 12 de xullo ás 20:30 horas. Falamos co catedrático do Conservatorio vigués, Rafa Yebra
Músicos do Barco e de Vigo únense no mosteiro de Xagoaza.
Continúa a programación de verán do Barco, concretamente a do XII Ciclo De Perto, coa súa cuarta proposta. Mañá venres 12 de xullo o mosteiro de Xagoaza acollerá un concerto dun ensemble de saxofóns do Conservatorio de Vigo e tamén do Barco. Será ás 20:30 horas.
Rafa Yebra é o director artístico de Sax Inflexion —o conxunto de músicos que virá dende Vigo tocando o saxofón— e catedrático do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Deu os detalles do concerto de mañá.
SOMOS COMARCA: Que é Sax Inflexion?
RAFA YEBRA: É un colectivo de saxofóns que, aínda que é certo que a maior parte dos integrantes están no Conservatorio de Vigo, non é o ensemble de saxofóns deste centro. É habitual que se nos asocie coma se fósemos unha formación do conservatorio, pero creouse no 2019 e, dalgún xeito, está ligado.
SC: E como xurdiu a idea de crear este colectivo?
RY: A pretensión é crear unha formación profesional para presentar unha grande diversidade de programas e cun repertorio de diferentes estéticas e estilos musicais sen esquecer a versatilidade do saxofón. Traballamos tamén en proxectos de música de nova creación e con carácter didáctico.
Concerto no mosteiro de Xagoaza dentro do Ciclo De Perto do ano 2019.
RY: Sempre que presentamos un programa en calquera municipio góstanos coñecer o panorama musical propio. Neste caso coñecemos a Manuel Prada, profesor de saxofón aquí, e de aí xurdiu a idea de interpretar algunha peza conxuntamente. É unha motivación. O ensaio farémolo mañá antes do concerto, como os profesionais. É un repertorio moi coñecido para os saxofonistas.
SC: Cantos músicos estarán sobre o escenario?
RY: Dende Vigo vamos 13 saxofonistas e nos acompaña unha pianista, Carmen Bargiela, que colabora con nós nunha peza.
SC: Como convidarías á xente a acudir a este concerto de saxofóns?
RY: É unha proposta moi interesante onde o público poderá escoitar toda a familia de saxofóns —excepto o baixo porque é tan grande que é moi complexo de transportar— e a estudantes dun alto nivel musical e artístico. Moitos xa remataron os estudos de grao superior e algúns de máster. É un programa moi divertido, cunha música que nos recorda a moitos filmes.
A entrevista completa está dispoñible neste enlace de audio: