O Mosteiro de Xagoaza acolle a lírica medieval do trío “Treides Comigo Alén” no Ciclo De Perto
O Mosteiro de Xagoaza foi o escenario da terceira das actuacións do Ciclo De Perto, coa presenza do trío “Treides Comigo Alén”, liderado por Xoán Curiel. A proposta musical mergullou ao público nunha viaxe sonora a través das cantigas da lírica medieval galego-portuguesa, cun enfoque contemporáneo.
A actuación, baseada en composicións de trobadores dos séculos XII ao XIV e inspirada tamén nos Camiños de Santiago, ofreceu unha lectura actualizada dun dos piares do patrimonio inmaterial.
Segundo explicou o propio Xoán Curiel ao comezo do concerto: «Imos tocar cantigas, digamos que son actualizacións de cancións da lírica medieval portuguesa, é poesía de hai 800 anos pero é unha poesía actualizada, con arranxos máis contemporáneos destes trobadores da nosa lírica. Pero traemos tamén algunha canción de orixe máis moderna, coma esta que acabamos de cantar, que é de Cernadas de Castro, un cura de Lousame».
Añadió: «Como o ano pasado estivemos no Santuario das Ermidas, pareceunos unha boa maneira de retomar o contacto. É unha das últimas cancións que incorporamos á banda, así que agardamos que desfrutedes desta viaxe no tempo. E imos agora con esta cantiga de Fernão Padrón, “Por ela me matarán”».
No escenario acompañárono Alex Salgueiro aos teclados e frauta, e Iris Grey, artista afincada no Barco, completando un trío que mestura música e narración para achegar ao público curiosidades sobre os autores medievais, as distintas formas das cantigas e a súa memoria viva.
A concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta, foi a encargada de facer a presentación do espectáculo. Na súa intervención destacou: «Non é a primeira vez que Xoán está no Barco, pero hoxe vén a presentar este novo traballo en formato trío. A verdade é que, sexa cal sexa o seu formato, Xoán é un artista prolífico, un creador excepcional, e todo o que fai, faino moi ben».
«Trae unha proposta fermosísima: ademais de música, trae poesía, pero poesía con maiúsculas. A proposta que hoxe nos presenta está baseada na lírica medieval, nas cantigas de trobadores ben coñecidos como Mendiño ou Martín Códax, pero tamén doutros menos coñecidos. Ademais de poñerlles o seu toque persoal, tamén nos van contar moitas historias que, sen dúbida, desfrutaremos», concluíu a concelleira.
A concelleira aproveitou tamén para lembrar a próxima cita do ciclo De Perto: «O martes volvemos aos xardíns da Casa Grande de Viloira cunha sesión de narración oral da man do italiano Simone Negreira, que nos trae “E logo naceu a pizza: historias napolitanas”, unha proposta que mestura contos e gastronomía».