O Mercadillo de Nadal do Barco un ir e vir de xente na primeira xornada
O Mercadillo de Nadal do Barco botou a andar na mañá deste sábado 17 decembro, con 24 expositores que se sitúan na praza entre o concello novo e o vello.
«Temos un mercadiño moi aberto, moi dispoñible para que a xente o visite con comodidade», aseguraba Eladio Santos, concelleiro de Turismo e Comercio do Concello do Barco, cando falabamos con el a primeira hora da mañá.
«Hai cousas moi interesantes de todo tipo de produtos agroalimentarios: doces, licores, viños, espumoso, queixos... Artesanía en coiro, madeira, téxtil, cousas moi bonitas, cousas novas que outros anos non viñeran, pero tamén algún coñecido por todos», apuntaba.
«Merece a pena pasar aquí un bo rato e mercar algún destes produtos. É un bo recordo, un bo agasallo para o 2023», resaltaba.
O obxectivo é dinamizar, dar ambiente; e sobre todo que este produtores locais saquen algún rendemento. Ao respecto Santos declaraba, «Axuda a dinamizar a súa economía e que a xente saia de casa e así tamén se potencio comercio local».
En canto ao número de postos do mercado o concelleiro resaltou que non querían máis expositores, aínda que tiveran más ofertas e máis espazo. «Tampouco podemos medrar demais. Un equilibrio entre a oferta e a demanda, a medida xusta para O Barco».
O mercado de Nadal estará aberto desde ás 11.00 horas até as 14.00 horas e de 16:30 ás 20.30 horas sábado e domingo. E ademais de facer compras hai un «Interesantísimo obradoiro de pementón do Bierzo que permanentemente estará mostrando a técnica de como facelo con aparellos artesáns». Tamén hai demostracións de traballos en coiro e madeira.
O domingo ás 19.00 horas haberá un sorteo de 4 vales de compra no Centro Comercial Aberto O Barco e logo unha chocolatada.