
«Como acompañar ás túas fillas e fillos na súa vida dixital: claves para comprender e previr» é o título da charla que organiza a Asociación De Nai a Nai o martes 30 de abril ás 19:30 horas no salón de actos do edificio multiusos do Barco. Nesta conferencia, con entrada gratuíta, abordaranse dúbidas sobre o efecto da tecnoloxía nos máis pequenos e nos adolescentes a partir dun estudo científico.
«Este estudo parte dunha mostra con 1.000 estudantes galegos e 50.000 a nivel nacional e dá uns resultados sobre o efecto das pantallas na saúde mental e os problemas que poden xurdir dun uso abusivo». Así explica Manuel Isorna o que se vai abordar na conferencia a rasgos xerais. El é doutor en Psicoloxía e docente na Universidade de Vigo.
Os contidos estarán baseados en tres liñas: «concienciar aos pais de que isto non é un problema só dos nenos e dos adolescentes, senón da familia; expoñer cales son os perfís de alumnado con máis risco de facer un uso problemático das pantallas; e cal é a solución para atallalo». Incide o experto en que esta conferencia é útil tanto para pais como para poboación en xeral.
Preguntado pola idade aconsellada para comezar a usar pantallas, Isorna responde: «Canto máis tarde, mellor; canto menos, mellor». Neste sentido destaca o gasto enerxético que perden os nenos ao pasar moitas horas co móbil ou coa tablet, e a cantidade de estímulos que recibe «sen xogo real nin interacción cara a cara».
Tendencias suicidas e illamento social
A saúde mental —tanto dos nenos como dos adultos— é unha preocupación crecente na sociedade actual. Como coidala e protexela para poder ser máis fortes e coñecernos mellor. E un deses elementos que pode desestabilizar a dos máis pequenos é o uso abusivo de pantallas —móbil, tablet, ordenador, videoxogos, televisión, etc—. «Os nenos empregan as tecnoloxías como un mecanismo de afrontamento, por exemplo para estar en soidade, evitar falar coa familia e se van afastando tamén das amizades».
Fala Manuel Isorna de que os pais e nais deben coñecer os riscos que hai «e sobre todo se as usan despois das 00:00 horas. Os datos amosan que as condutas de perigo se multiplican a partir desas horas». En xeral, e en canto a transtornos cada vez máis habituais —como déficit de atención ou hiperactividade— Isorna explica que «en casos onde en principio non hai ningún factor predisponente, o uso compulsivo de internet acaba empeorando a súa saúde».
E chega a límites tan extremos como «ter tendencias suicidas, unha menor satisfacción por vivir ou problemas como obesidade, falta de sono e disminución de habilidades psicomotoras. Os pais teñen que saber que hai detrás de todo isto». Conlucía o experto que na actualidade «temos medo de que os nenos saian sós pero os deixamos co móbil na habitación. O perigo está dentro».
Se quere escoitar a entrevista completa pode acceder ao seguinte enlace de audio: