viernes. 02.01.2026

Luís Paadín, pregoeiro da Festa do Botelo, e Rosa «do Buraco» homenaxeada na súa 24ª edición

As entradas sairán á venda o sábado 10 de xaneiro por 30 euros, mantendo o mesmo número de prazas que anos anteriores.
somoscomarca_arua_festaempanadadecostrelas1294
somoscomarca_arua_festaempanadadecostrelas1294

O Concello do Barco presentou esta mañá, nunha rolda de prensa, a 24ª edición da Festa do Botelo, unha das citas gastronómicas máis tradicionais da comarca. A concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta, acompañada do alcalde, Aurentino Alonso, detallou as actividades, homenaxes e novidades desta edición, que promete unha vez máis ser un referente a nivel local, galego e nacional.

«A maioría empezan o ano con propósitos, nós empezamos o ano con festas», destacou Pizcueta, lembrando que este ano a presentación se adianta lixeiramente, «porque normalmente esperamos a que pase Reis, pero este ano a Festa do Botelo é un día antes que o ano pasado». A concelleira subliñou que «o anunciamos a unha semana vista. Unha semana completa. Si non, a xente igual non se entera».

A imaxe desta edición estará protagonizada pola Boteleira, unha creación da artista Lola do Porto. Pizcueta explicou que «é unha obra moi colorida que capta moi ben o que é o Botelo, e a persoa encargada de enxer o Botelo, porque non todo mundo podía facelo». Segundo a concelleira, o cartel transmite «tradición, coidado e excelencia, que rodea esta nosa festa do Botelo».

En canto ao programa, Pizcueta afirmou que se manteñen a maioría das actividades habituais, «porque cando algo funciona, para que modificalo?». As novidades deixaranse para o ano que vén, coa 25ª edición. A celebración arrancará coa Ruta de Pinchos do Botelo, que funcionará como unha “prefesta”. A concelleira destacou que «para poder comezar a festa temos que vender as entradas, esas 1.150 entradas tan solicitadas nos últimos anos», que estarán dispoñibles o sábado 10 de xaneiro ás 9 da mañá. «Como se prevé que poida facer frío ou xovere, abriremos o teatro para que a espera sexa máis confortable», engadiu.

O prezo das entradas este ano sufrirá un pequeno incremento, pasando a 30 euros, «porque todo está polas nubes e o prezo público ten que ter un importe, pero mantemos a mesma calidade e o mesmo número de entradas», precisou Pizcueta.

O programa cultural da festa inclúe un concerto do Orfeón Valdeorrés, a proxección da película Lixida e mi postre favorito en colaboración co Cine Club, e a inauguración da exposición O Enxeño de Antonio Mingote, na Sala Banca. Ademais, haberá teatro coa obra Ibuprofeno Teatro Reconversión, destacada pola súa natureza festiva, que servirá de arranque á xornada grande.

O  sábado 17 de xaneiro celebrarase o pregón da festa, que este ano correrá a cargo de Luís Paadín, recoñecido especialista en viños e gran embaixador do Godello. «Queríamos que aínda en activo estivésemos como embaixador desta festa», explicou Pizcueta, quen tamén anunciou que a mención de honra será para Rosa «A do Buraco», unha figura emblemática dos cantos de taberna durante a celebración.

O prato forte será o xantar popular, que reunirá a 1.150 comensais afortunados máis 150 convidados especiais, acompañados dos Cantos de Taberna na zona do casco antigo e do malecón, nun horario oficial de 19:00 a 22:00 horas. A festa continuará ata que o corpo aguante, co peche do programa cultural o domingo 18 ás 20:00 horas no Teatro Lauro Olmo, con Maxín Blanco como protagonista dun concerto moi próximo ao público.

O alcalde, Aurentino Alonso, salientou que a Festa do Botelo combina «un produto de altísima calidade, recoñecido xa en todo o país, co maior experto en viños de Galicia, Luís Paadín». Destacou tamén que «o Godello está agora mesmo a nivel internacional, polo tanto dous produtos de excelencia como é o Godello e o Botelo xúntanse e danse a man nesta festa de xaneiro».

Alonso lembrou que a festa non só se limita a un día ou un local, senón que «é un produto que toda a hostalería pode aproveitar», e que moitos establecementos xa teñen as reservas completas desde novembro. «Quen queira vir a vivila ten que espabilar e coñecela con tempo», advertiu.

Aconcelleira Pizcueta destacou, ademais, a importancia do negocio local durante a xornada de venta de entradas, que se converte nun día de festa e encontro para os establecementos de ocio nocturno: «a xente queda a tomar cafés e churros e pasa horas de espera cantando e amenizando a xornada», explicou entre risos.

Finalmente, tanto o alcalde como a concelleira animaron a todos os veciños e visitantes a disfrutar dunha das festas máis emblemáticas de Valdeorras, que combina gastronomía, cultura e tradición nun evento que xa é referencia en Galicia e en España.
Aquí tes a presentación completa en vídeo:

 

Luís Paadín, pregoeiro da Festa do Botelo, e Rosa «do Buraco» homenaxeada na súa 24ª...