Éntoma reencontrouse cos seus zamarreiros

Francisco Vidal recupera nun libro a memoria dunha das figuras máis singulares do entroido valdeorrés nunha presentación multitudinaria que desbordou as antigas escolas da parroquia

As antigas escolas de Éntoma quedaron pequenas. O que ía ser unha presentación literaria converteuse nun auténtico encontro coa memoria, coa cultura popular e co sentimento de pertenza dunha parroquia que respondeu de maneira masiva á chamada do seu entroido. Non collía un alfinete máis no local e moitas persoas tiveron que seguir o acto de pé ou incluso quedar fóra ante a enorme expectación xerada arredor da presentación de Entrudio de Valdeorras. Os Zamarreiros de Éntoma, o libro no que o investigador e escritor Francisco Vidal López recompila anos de investigación, lembranzas, fotografías e testemuñas para devolverlle voz a unha das figuras máis singulares e esquecidas do entroido tradicional valdeorrés.

O acto, celebrado coincidindo coa xornada previa ao Día das Letras Galegas, estivo cargado de emoción, humor, memoria oral e reivindicación cultural. Entre o público había veciños da parroquia, antigos participantes do entroido, persoas vinculadas á cultura valdeorresa e tamén moitos curiosos atraídos por unha historia que durante décadas permaneceu agochada na memoria dos maiores e nas vivencias dun pobo que fixo da troula unha forma de identidade.

O primeiro en tomar a palabra foi o director da Editorial Ir Indo, Xelasio Suárez Santiso, que destacou desde o primeiro momento a importancia simbólica do acto e da data escollida para a presentación. «A presentación dun libro é tamén unha cousa importante das Letras Galegas», afirmou, explicando que tanto a editorial como o autor decidiran facer coincidir o lanzamento coa celebración da gran festa da lingua e da cultura galega. Para Xelasio, o libro transcende o puramente local e supón unha oportunidade para situar Éntoma no mapa cultural galego. «A partir de hoxe, Éntoma vai soar en toda Galicia e incluso máis alá precisamente por este libro», asegurou diante dun público entregado.

Ao remate firma de exemplares

Durante a súa intervención, o editor quixo tamén poñer en valor a figura de Francisco Vidal como investigador e apaixonado da cultura galega. «Paco Vidal é un dos galegos que ten un fondo bibliográfico máis grande de Galicia», destacou, facendo referencia á súa enorme colección de libros antigos e á súa constante labor de recuperación da memoria popular. Un recoñecemento que provocou os primeiros aplausos dunha tarde na que se mesturaron emoción e orgullo colectivo.

Pero o momento máis intenso chegou coa intervención do propio Francisco Vidal, que converteu a súa fala nun percorrido vivo pola historia do entroido de Éntoma. Máis que presentar un libro, o autor pareceu abrir unha xanela ao pasado, reconstruíndo diante dos asistentes escenas, personaxes e lembranzas dunha celebración que marcou xeracións enteiras. «Eu vivín os carnavais aquí, os zamarreiros, as furracas… correndo por esas hortas tamén», lembraba cun sorriso emocionado mentres moitos dos presentes asentían recoñecéndose nesas imaxes.

s

Vidal explicou que a obra está dividida en diferentes etapas históricas e que nace precisamente da necesidade de evitar que toda esa memoria desaparecese co paso do tempo. O libro percorre desde referencias históricas da época do Marqués da Ensenada ata a evolución do entroido ao longo do século XX, pasando polo papel fundamental dos muíños, do río Galir e do carácter fariñeiro dunha parroquia onde a fariña era parte esencial da festa e da identidade colectiva.

Unha das partes máis celebradas da súa intervención foi a descrición dos zamarreiros, esas figuras míticas que percorrían as rúas entre zurriagazos, fariña e retranca. «O zamarreiro iba a cabalo ou a pé, cunha saia branca, unha carauta e unha manga de zamarra coa que daba zurregazos», relataba mentres as risas e os comentarios cómplices enchían a sala. Explicou como aqueles personaxes abrían o desfile acompañados polas furracas, mulleres disfrazadas que enfariñaban á xente, e por figuras irreverentes como o “resti”, disfrazado de crego e encargado de bendicir á xente entre bromas e sátira popular.

O autor fixo tamén especial fincapé no famoso enterro do morto, unha das escenas máis impactantes do antigo entroido de Éntoma. Contou como un veciño permanecía inmóbil dentro dun cadaleito mentres lle lanzaban faíscas dos fachos e o paseaban polas rúas entre gargalladas e música. «Non se movía nada. Era un actor bárbaro», recordou entre a sorpresa e as risas dos asistentes.

Ao longo de toda a súa intervención, Francisco Vidal insistiu en que o libro non debe entenderse como un punto final senón como un punto de partida para recuperar unha tradición que considera fundamental para a identidade cultural de Valdeorras. «O libro é un medio. Temos que volver sacar os zamarreiros á rúa», reivindicou con forza, apelando directamente á implicación da veciñanza e das institucións.

Nese sentido, falou varias veces da necesidade de crear o que definiu como un “círculo máxico” formado por Éntoma, Fervenza e San Vicente para revitalizar as máscaras e figuras tradicionais do entroido valdeorrés. «Temos que ser Fonteovejuna, todos a unha», repetiu, convencido de que só co traballo colectivo será posible recuperar todo ese patrimonio inmaterial que durante anos foi desaparecendo pouco a pouco.

O investigador lembrou tamén a importancia que tiveron os traballadores da lousa na conservación destas celebracións. Segundo explicou, os colocadores das canteiras conseguiran no seu día dous días libres ao ano, entre eles o martes de carnaval, o que permitía que o pobo se enchese de música, disfraces e troula. «Había unha troulada tremenda», resumiu evocando aquelas xornadas nas que miles de persoas acudían ás rúas de Éntoma atraídas pola fama do seu entroido.

O libro dedica ademais unha parte importante ás persoas que, xa nos anos noventa e posteriormente, intentaron recuperar esta tradición cando parecía practicamente esquecida. Francisco Vidal destacou especialmente o papel da mestra María José Blanco, que impulsou novamente os disfraces e as comparsas na parroquia, así como o traballo posterior de Branca Calvín e doutros veciños que volveron sacar ás rúas as furracas e parte da esencia do antigo entroido.

A obra complétase con fotografías históricas, gravados, documentación antiga e mesmo unha tradución ao inglés realizada por un profesor da Universidade Carlos III de Madrid, nun intento de abrir esta tradición local a un ámbito cultural máis amplo. Vidal quixo ademais deixar claro o carácter colectivo do proxecto, anunciando que renunciaba aos seus dereitos de autor para facilitar que o libro tivese un prezo máis accesible. «O libro é voso», afirmou emocionado.

A presentación rematou entre aplausos, abrazos, lembranzas compartidas e longas conversas arredor dun pasado que moitos crían perdido. Porque máis alá dunha publicación literaria, o que se viviu este venres en Éntoma foi unha reivindicación colectiva da memoria, da cultura popular e dun entroido que segue moi vivo no corazón da parroquia.

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado