O Entroido tomará O Barco do 16 ao 18 de febreiro con desfile de comparsas, música e festa nas rúas
O Entroido xa ten datas, programa e moitas ganas de tomar as rúas do Barco. O Concello vén de presentar o programa do Entroido 2026, que se celebrará do luns 16 ao mércores 18 de febreiro, cunha proposta pensada para todos os públicos e cun protagonismo claro para o desfile de comparsas, a música e as actividades participativas.
O cartel do Entroido 2026, que xa se pode ver nas rúas e canles municipais, reforza a imaxe festiva e participativa destas datas e serve tamén como vía de acceso directa á inscrición das comparsas mediante código QR, converténdose nun elemento clave para a difusión do programa.
A programación arrancará o luns 16 de febreiro cunha festa de disfraces no Pavillón Vello, a partir das 18.00 horas. Haberá animación con fotomatón e photocall, música, obradoiro de pintacaras e o espectáculo Patty Diphusa, nunha tarde pensada especialmente para o público familiar e infantil.
O día grande do Entroido será o martes 17, coa celebración do desfile de comparsas e folións, que sairá desde o Hospital ata a Praza Maior, a partir das 17.30 horas, acompañado pola charanga Bicoia. Antes, ás 17.00 horas, as comparsas deberán concentrarse diante do Hospital, punto de encontro fixado pola organización. A xornada continuará xa pola tarde-noite cun baile de disfraces na Praza Maior, a partir das 19.00 horas, coa actuación de DJ Rafa.
O Concello lembra que xa está aberto o prazo de inscrición para participar no desfile de comparsas, que permanecerá aberto do 2 ao 12 de febreiro, ata as 13.00 horas. As inscricións poden realizarse a través do formulario online accesible mediante o código QR do cartel ou de maneira presencial nas oficinas de AEVA.
Poderán participar comparsas formadas por 10 ou máis persoas, que deberán desfilar de maneira ordenada, con coreografía e acompañamento musical ou sonoro durante todo o percorrido. Establécense premios económicos segundo o número de integrantes, que van desde os 150 euros para comparsas de 10 a 20 persoas ata os 450 euros para aquelas de máis de 41 participantes. Os premios entregaranse ao rematar o desfile, previa identificación das persoas representantes de cada grupo.
O Entroido despedirase o mércores 18 de febreiro co tradicional Enterro da Sardiña, que terá lugar na Praza Maior ás 20.00 horas, coa colaboración de Gargallada Teatro considerándose como acto final dunha edición que aposta pola participación e o ambiente festivo. Ao remate haberá pan e chourizo para todas as persoas que veñan disfrazadas, pechando o Entroido cun encontro popular.
Con esta proposta, o Entroido volverá converter O Barco nun punto de encontro para veciñanza e visitantes, combinando tradición, creatividade e moitas ganas de festa durante tres días intensos.