As instalacións dos servizos de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) de toda Galiza pecharon as súas portas este sábado, día 17 de agosto, por mor da segunda xornada de folga, que tivo un seguimento do 100%. A empresa concesionaria, SyC Applus convocou para este luns, 19 de agosto ás 10:00 horas, unha nova xuntanza —con esta xa van 14—.
Daniel González, do comité provincial de Ourense da Inspección Técnica de Vehículo é o encargado de ofrecer máis datos a este medio. A maiores, tamén fai unha valoración desta reunión.
O membro do comité explica que este 24 de agosto as portas da nave volverán a atoparse pechadas. De feito, «a intención sería manter a folga os sábados como unha medida simbólica». Dende o organismo non descartan aumentar os días de paro, «pero tampouco modificalos».
Os principais problemas que están a atopar na negociación refírense á xornada, aos días de libre disposición ou a avanzar na eliminación das diferenzas entre o persoal de nave, que chegan aos 500 euros ao mes. Outras das súas demandas céntranse na mellora das licenzas e o complemento de IT por continxencias comúns do 90% dende o primeiro día, na mellora nas vacacións e nas condicións do persoal desprazado nas ITV móbiles.
Ademais a representación sindical reclamou en varias ocasións o prego de condicións para coñecer os termos das mesmas, pero nin a empresa, nin a Xunta de Galiza atenderon á súa demanda.
Pode escoitar a entrevista completa con Daniel González aquí: