A CRMH sinala que o Concello da Coruña «fai oidos sordos» ao cambio de nome da rúa Peñamaría de LLano

Calle Peñamaría de Llano
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ven de presentar un escrito dirixido á alcaldesa da cidade para que cambie o nome da rúa Peñamaría de Llano por Mártires de Valdeorras no concello coruñés

Reprodución da carta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHCoruña) chegada ao dixital:

«A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHCoruña) vén de presentar  por Rexistro, un escrito dirixido á alcaldesa da cidade, Inés Rey. Nel faise un resumo da historia de Sergio Peñamaría de Llano na sublevación fascista do 18 de xullo. Recordáselle o incumprimento pola Alcaldía da Ley de Memoria Histórica, Ley 52/2007 do 26/12, e reivindícase verdade, xustiza e reparación para as vítimas. A CRMH sinala, entre outros incumprimentos, a existencia dunha rúa co nome de Peñamaría de Llano así como diversas distincións franquistas.

Sergio Peñamaría de Llano, como tenente ao mando dunha Bandeira da Lexión, distinguiuse pola brutal represión na Comarca de Valdeorras deixando ao seu paso unha pegada de sangue. O Goberno Municipal da Coruña, así mesmo, fai oídos xordos ás solicitudes do Concello do Barco de Valdeorras, que no Pleno Municipal do 3 de Outubro de 2019 aprobaba por unanimidade —PSOE, PP, BNG e Riada Cidadá— instar ao Goberno Municipal da Coruña, ao cambio de nome da citada rúa para “a reparación moral da veciñanza da comarca de Valdeorras e recuperar a súa dignidade”. Tamén no 2021 o Concello do Barco pasa a trámite o instar ao Goberno Municipal da Coruña substituír o nome da citada rúa polo de Mártires de Valdeorras.

A actuación sanguenta e represiva de Peñamaría de Llano foi constatada e relatada nun informe elaborado polo “Instituto de Estudos Coruñeses José Cornide” a petición do Concello da Coruña. Un informe que agora a alcaldesa ten pechado nun caixón e négase a facer público sen ningunha explicación de motivos, e que a CRMH solicita sexa público á cidadanía.

A CRMH no seu escrito comunícalle que ante o reiterado incumprimento da Lei de Memoria Histórica se nun prazo de dous meses non se aproba polo Pleno a retirada da rúa Peñamaría de Llano, así como as outras distincións, poñerá estes feitos en coñecemento da Fiscalía de Galiza por se poideran ser constitutivos de delito por reiterado incumprimento de Lei de Memoria Histórica».