Comeza a instalación de colectores marróns no casco urbano do Barco
Como xa viñamos anunciando, onte comezou a instalación, nas rúas do Barco, de contedores de cor marrón, destinados especificamente ao depositado de restos orgánicos, O proxecto “Voluntariado marrón” parte coa participación de cerca de 200 usuarios –dos que preto de 40 son empresas- residentes en todos os barrios do casco urbano do Barco. En total, haberá 45 colectores nas rúas, e outros 7 se entregarán a supermercados, hospital e residencia de anciáns.
A recollida destes colectores para o seu traslado á planta de reciclaxe realizarase os luns e os venres. A campaña de sensibilización comezou o 21 de decembro coa instalación dunha carpa na praza do Concello, na que se ofreceu información a todos os interesados. Nesa xornada xa se inscribiron en torno a 100 usuarios.
Todos os que queiran sumarse a esta iniciativa debe contar con unha chave coa que se abren os contedores situados nas rúas. Para conseguila, poden pasar polo edificio Multiusos, en horario de oficina, para inscribirse e recibir un cubo de 10 litros de capacidade, un paquete de bolsas biodegradables e a chave coa que se abren os contedores marróns.
En canto aos residuos que deben ir neste colector marrón son exclusivamente os seguintes: os restos de froita, verdura, carne e peixe, conchas de mariscos ou froitos secos, restos de pan, café, infusión, papel de cocina, restos de plantas, cortizas, e en definitiva calquera resto orgánico.
Por contra, o que nunca debe depositarse neste colector son os envases, cueiros, compresas, bastonciños dos oídos, plásticos e outro tipo de residuos non orgánicos.