Clausurado en O Barco o obradoiro de emprego «Valdeorras Embelece IV» con 20 alumnos formados en xardinaría e carpintería

Clausurado en O Barco o obradoiro de emprego «Valdeorras Embelece IV» con 20 alumnos formados en xardinaría e carpintería
O programa contou cunha achega de 411.928 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ademais doutros 12.000 destinados a incentivos á contratación. O proxecto estivo liderado polo Concello de O Barco e contou cun equipo técnico composto por unha directora, catro docentes e unha administrativa

O Barco de Valdeorras acolleu este luns, 8 de setembro, o acto de clausura do obradoiro de emprego «Valdeorras Embelece IV», un programa no que durante nove meses se formaron vinte persoas desempregadas dos concellos de O Barco, Vilamartín e Petín.

Os participantes, doce na especialidade de auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría, e oito en traballos de carpintería e moble, recibiron formación práctica e teórica que se materializou en múltiples actuacións de mellora nos tres municipios.

Á clausura asistiron a directora territorial da Consellería de Emprego en Ourense, Marta Vázquez Guzmán, e os alcaldes de O Barco, Aurentino Alonso; Vilamartín, Enrique Fernández Barreiro; e Petín, Raquel Bautista. Tamén estivo presente o exalcalde barquense Alfredo García, quen destacou o compromiso colectivo nun proxecto que el mesmo puxera en marcha hai nove meses.

A alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, animou ao alumnado a aproveitar a formación para «reorientar a vosa vida laboral», mentres que o rexedor de Vilamartín, Enrique Fernández, puxo en valor o resultado visible dos traballos: «Só hai que ver o antes e o despois nos lugares onde traballaron».

Pola súa banda, o alcalde de O Barco, Aurentino Alonso, calificou de «impresionante» o labor desenvolvido e expresou o seu apoio a que se manteñan programas que dean novas oportunidades ás persoas en situación de desemprego. Marta Vázquez, directora territorial de Emprego, subliñou que neste obradoiro «luce moito o traballo que se fai» e lembrou aos alumnos que dispoñen do Polo de Emprego con sede en Viloira para continuar a súa inserción laboral.

En O Barco, os alumnos acondicionaron zonas axardinadas, valaron parques infantís, renovaron bancos públicos e construíron marquesiñas e cobres para colectores. En Vilamartín, acometeron tarefas semellantes, ademais da fabricación de soportais de madeira para bancos. En Petín, as melloras centraronse no Centro Social de Mones e nas piscinas municipais, con novas xardineiras, bancos e labores de poda en varios núcleos.

O programa contou cunha achega de 411.928 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ademais doutros 12.000 destinados a incentivos á contratación. O proxecto estivo liderado polo Concello de O Barco e contou cun equipo técnico composto por unha directora, catro docentes e unha administrativa.