































Na mañá deste xoves, 7 de abril, os centros educativos da localidade do Barco de Valdeorras saíron ás rúas do concello para realizar unha Marcha pola paz en Ucraína. Ao berro de “ non á guerra”, os alumnos da Divina Pastora, Otero Pedrayo, Lauro Olmo, Martaguisela, Julio Gurriarán e Condesa de Fenosa concentráronse na Praza do Concello.
Á chegada dos estudantes á praza, algúns leron frases en repulsa á guerra que está acontecendo en Ucraína desde o pasado mes de febreiro. Tamén, da man de dúas alumnas do instituto Martaguisela, leuse un manifesto co que afirmaban «mostrar a nosa solidariedade co pobo ucraíno que está a ser violentado nos nosos dereitos fundamentais como son a liberdade, a seguridade, o dereito para vivir en paz, a construír o seu futuro e escoller o seu destino».
«Aprendemos que a violencia nunca soluciona nada, máis que inimizade e vinganza. Rexeitamos a guerra por ser instrumento ineficaz, cando aprenderemos da historia que nunca se gaña a paz a través da forza das armas?», explicaban unha das alumnas ao lembrar que «unha derrota só trae consigo resentimento, non só do inimigo, senón tamén de todo aquel que busque vías de entendemento para superar os problemas».
O acto finalizaba cun minuto de silencio «en recordo a todas as persoas que están a sufrir esta cruel guerra», porque os centros escolares non só lembraban a guerra inxustificada en Ucraína, senón tamén con todas as persoas que teñen a desgraza de vivir e sufrir unha guerra noutros países do mundo.