Mais de 600 persoas e 22 comparsas darán cor ao Entroido do Barco

Case 600 persoas e 21 comparsas darán cor ao Entroido do Barco
O luns 3 de marzo arrincarán os festexos co Entroido Infantil, que terá lugar no Pavillón de Deportes da Rúa España a partir das 18:00 horas

O Entroido do Barco xa quenta motores para encher as rúas de cor, música e tradición. O martes 4 de marzo, a partir das 17:30 horas, celebrarase o gran Desfile de Entroido, no que participarán mais de 600 persoas pertencentes ás 22 comparsas inscritas. Como é habitual, o percorrido arrancará no Hospital Comarcal e rematará na Praza Maior, onde a festa continuará co baile amenizado polo DJ «Fru e Barrancas». Ademais, o desfile contará coa animación de dous folións e da charanga «Os Pendellos», que acompañarán cos seus ritmos a comitiva festiva.

Pero a programación do Entroido no Barco non se limita só ao desfile. O luns 3 de marzo arrincarán os festexos co Entroido Infantil, que terá lugar no Pavillón de Deportes da Rúa España a partir das 18:00 horas. Os máis pequenos poderán gozar de animación con picadiscos, un espectáculo de paiasos e un fotomatón con fotocall para inmortalizar a xornada.

O mércores 5 de marzo celebrarase o tradicional Enterro da Sardiña, un evento que conta coa colaboración de Gargallada Teatro. A comitiva sairá ás 20:30 horas da Praza Maior e, tras a despedida á sardiña, ofrecerase pan e chourizo para todas aquelas persoas que participen vestidas de loito para a ocasión.

Este ano, ademais, volve celebrarse o Entroido de Éntoma, que terá lugar o luns 3 de marzo. As mulleres do grupo Fiando a Memoria, promovido polo Concello, organizarán desde as 16:30 horas unha serie de actividades que inclúen un encontro comunitario, a ruada de furracas e outros personaxes tradicionais do Entroido de Éntoma, unha fariñada sen glute e unha merenda compartida.

Con esta completa programación, O Barco prepárase para vivir uns días de festa, tradición e diversión que converterán o municipio nun auténtico fervedoiro de música e cor.