A Carreira dos Santiños do Barco contou con preto de 100 participantes
Uns 90 atletas participaron este domingo no Barco na XVI Carreira Popular dos Santiños. Ricardo Vázquez, do club ADAS, foi o máis rápido na proba absoluta da cita, que era puntuable para a XLI Copa Deputación Ourense - 5 K en ruta. Completaron o podio Pablo Alonso e Manuel Estévez, dos clubs Boutueira e ADAS, respectivamente.
Nas categorías inferiores, Saúl Crespo, Emma Fernández e Itziar Gerlobés subiron ao podio na idade sub-16. Yago Carballide, Sara Fernández e Cloe Yáñez fixeron o propio en sub-14. En sub-12 masculino, ocuparon os tres primeiros postos David García, Matías Méndez e Daniel Álvarez. Pola súa banda, en sub-12 feminino foron Paula Crespo, Irina Sánchez e Alejandra Prieto as que subiron aos tres caixóns do podio.
Finalmente, nas clasificacións de menores de 10 anos, Valentina Barreda, Adriana Rodríguez e Antía Rodríguez foron as tres primeiras en categoría feminina. Na masculina, os máis rápidos en cruzar a liña de meta foron Izan González, Lucas Paradelo e Adrián Pérez. Agás un, todos os participantes nas probas de categorías inferiores pertencen ao ADAS.
A XVI Carreira Popular dos Santiños estaba organizada pola Delegación en Valdeorras da Federación Galega de Atletismo e o ADAS O Barco, co patrocinio da Deputación de Ourense e Concello de O Barco de Valdeorras. Era puntuable para a XLI Copa Deputación Ourense – 5 K en ruta. Podían participar atletas populares e atletas federados.
A proba tivo carácter solidario a beneficio de Cruz Vermella en Valdeorras e recolléronse xoguetes novos nun stand instalado no Estadio Municipal de Calabagueiros onde os atletas e calquera persoa, podían doar os seus xoguetes novos, educativos e non bélicos nin sexistas.