lunes. 22.12.2025

A Carreira Popular do Turrón do Barco reúne a preto de 1.500 persoas nunha festa deportiva e solidaria

A 18ª edición destacou pola alta participación, os disfraces de Nadal e unha organización pensada para todas as idades

A partir das 19.30 horas, coa celebración da proba dos máis pequenos, púñase en marcha o programa da 18ª Carreira Popular do Turrón do Barco, un evento que conseguiu congregar a preto de 1.500 persoas con moitas ganas de pasalo ben e de encher as rúas de espírito navideño cos seus disfraces. A carreira, que saía dende a Fonte da Ra, remataba na praza de Andrés de Prada, punto neurálxico dunha xornada marcada polo bo ambiente e a participación masiva.

somoscomarca_20251222_obarco_carreiradoturron (1)

Como novidade nesta edición, a carreira infantil estivo organizada en tres saídas diferenciadas: unha primeira para cativos e cativas a partir dos 6 anos, unha segunda para nenos e nenas de 4 e 5 anos, e unha terceira pensada para os máis pequeniños, de 0 a 3 anos. Esta organización permitiu que todos os participantes puidesen gozar da proba de maneira adaptada á súa idade.

somoscomarca_20251222_obarco_carreiradoturron (40)

A continuación, ás 20.00 horas, deu comezo a carreira popular, con saída e meta na praza de Andrés de Prada. Os participantes podían escoller entre camiñar ou correr e decidir o número de voltas ao circuíto, unha, dúas ou tres, facendo da proba unha actividade aberta e accesible para todos os públicos.

somoscomarca_20251222_obarco_carreiradoturron (19)

Foron moitas as persoas que se inscribiron a última hora de maneira gratuíta, aínda que todas elas tiveron que achegar un alimento non perecedeiro no momento de recoller o dorsal, reforzando así o carácter solidario do evento. Para optar aos premios tamén era obrigatorio pasar polo photocall, onde os disfraces de Nadal foron protagonistas.

 

Todos os nenos e nenas recibiron agasallos pola súa participación, ademais de entregarse premios ao mellor disfrace individual de Nadal. Os mellores disfraces colectivos —de asociacións, empresas e clubs deportivos— foron recoñecidos cunha gran cesta de Nadal, poñendo o broche final a unha xornada deportiva, festiva e solidaria que xa é unha tradición no Barco.

A Carreira Popular do Turrón do Barco reúne a preto de 1.500 persoas nunha festa...