lunes. 29.09.2025

Carmen Calvo, primeira muller en liderar a CIG en Valdeorras

«A miña prioridade será atender de fronte aos afiliados e afiliadas da comarca»
somoscomarca_obarco_congresocig_ (6)
Mari Carmen Calvo, primeira muller en liderar a CIG en Valdeorras

Os afiliados da Confederación Intersindical Galega (CIG) en Valdeorras estaban chamados ás urnas este sábado  27 de setembro para renovar a executiva comarcal. Tras unhas votacións e reconto que se prolongaron durante máis de tres horas, Carmen Calvo proclamouse nova secretaria da unión comarcal con 112 votos, fronte aos 102 conseguidos por Ramón Porto. Houbo ademais un voto nulo.

A elección de Calvo marca un fito, pois é a primeira vez que unha muller ocupa este cargo na comarca. Moi emocionada tras coñecer os resultados, recoñeceu sentirse «orgullosa e agradecida polo respaldo recibido» e anunciou que o seu obxectivo inmediato será reforzar a atención directa aos afiliados:«Queremos que ninguén se sinta desarroupado. A oficina da CIG en Valdeorras ten que ser un espazo no que sempre haxa alguén disposto a atender, axudar e acompañar», asegurou.

somoscomarca_obarco_congresocig_ (3)
Calvo,ao fondo a esquerda seguindo o congreso

Xubilada do sector da pizarra e afiliada á CIG desde hai tres décadas, Calvo decidiu dar o paso de encabezar unha candidatura polo seu descontento coa xestión do anterior secretario, Francisco Moral, que deixaba o cargo tras once anos.

somoscomarca_obarco_congresocig_ carmencalvo_ramonporto(2)
Seguindo o reconto de votos

A nova secretaria recoñeceu que terá que «poñerse ao día» en moitos asuntos, pero avanzou que dous dos principais retos pasan pola situación do sector da lousa e polo apoio aos traballadores afectados por silicose. «Hai moitos frentes abertos, pero voume poñer ao mando con ilusión e gañas de traballar», afirmou.

En canto á relación coa outra candidatura, tendida por Ramón Porto, Calvo mostrouse conciliadora: «É un gran compañeiro e un amigo, non teño inconveniente en colaborar con el».

somoscomarca_obarco_congresocig_ carmencalvo_ramonporto(3)
Ramón Porto  coa xa nova secretaria da CIG

Pola súa banda, Ramón Porto —histórico das loitas sindicais en Valdeorras, especialmente no conflito de Irosa— recoñeceu o axustado da votación e aceptou o veredicto das urnas: «A xente decidiu que sexa Mari Carmen quen leve as rendas. Agora tócalle desenvolver o seu traballo o mellor que poida. Pola nosa parte, non haberá problema en tender a man e colaborar cando se nos requira».

somoscomarca_obarco_congresocig_ (4)
Porto escoitando a un dos intervenientes

Francisco Moral pecha unha etapa de once anos

O xa exsecretario comarcal, Francisco Moral, ao remate do lembrou a súa longa etapa á fronte da CIG en Valdeorras e aclararou que a falta de congresos previos debeuse á pandemia e a cuestións de saúde, afastando calquera outro tipo de interese. Recalcou que a súa saída non responde a intereses persoais nin políticos, senón ao propio ciclo da organización e ás dificultades que trouxo a pandemia.

Recordou que durante os seus anos á fronte da executiva a CIG estivo presente nos principais conflitos laborais da comarca, especialmente no sector da lousa, un dos piares económicos de Valdeorras. Moral defendeu que, pese ás dificultades, o sindicato logrou frear numerosos despedimentos, negociar melloras e acompañar aos traballadores en momentos críticos.

somoscomarca_obarco_congresocig_ (9)
Francisco Moral preside a mesa do congreso da CIG

«As melloras conséguense cando hai maioría sindical nas mesas de negociación, e aí a CIG xogou sempre un papel fundamental», destacou.

Tamén fixo referencia a críticas recibidas nos últimos anos, como a xestión dalgúns acordos ou as negociacións con empresas do sector, aclarando que todas as decisións se adoptaron nos comités correspondentes. «A vida sindical é complexa e non sempre se pode contentar a todos, pero traballamos sempre coa intención de defender aos traballadores», concluíu.

somoscomarca_obarco_congresocig_ (1)
A longa cola dunha votación que case durou tres horas

Un proceso intenso

O congreso contou con momentos de tensión entre as dúas candidaturas, reflexo das diferentes visións sobre o rumbo da central sindical na comarca, Jesús Vilasánchez chegou a proclamar polo altofalante, «somos unha soa organización». A mesa de votacións estivo presidida por Jesús Vilasánchez, David Mancebo e José Rodríguez.

somoscomarca_obarco_congresocig_ (10)

Con todo, a nova executiva encabezada por Mari Carmen Calvo arranca con vontade de cambio e co compromiso expreso de reforzar o contacto directo cos afiliados e afrontar os grandes retos laborais e sociais de Valdeorras.

Carmen Calvo, primeira muller en liderar a CIG en Valdeorras