O BNG reclama máis implicación municipal tras o maior incendio da historia de Galicia

O BNG reclama máis implicación municipal tras o maior incendio da historia de Galicia
O portavoz do BNG no Barco, Manuel Agra, presentou unha moción na que cuestiona a falta de información e acción do Concello durante os lumes de agosto, e demanda un apoio expreso á veciñanza e ás súas reivindicacións tras unha traxedia que arrasou máis de 30.000 hectáreas en Galicia

O Bloque Nacionalista Galego levará ao pleno ordinario do Concello do Barco do mes de setembro unha moción na que solicita o apoio expreso á veciñanza afectada polos incendios do pasado agosto e ás mobilizacións que poidan convocarse.

Na exposición de motivos, Agra lembra que apenas tres anos despois dun gran lume que xa devastara a comarca, Valdeorras sufriu este verán «o maior incendio da historia de Galicia», con máis de 30.000 hectáreas arrasadas en dez días. Segundo recolle a moción, os danos afectaron a vivendas, soutos, viñedos, explotacións agrarias, igrexas, vehículos e infraestruturas, ademais do impacto psicolóxico que padeceron os veciños.

O texto subliña tamén a resposta solidaria da cidadanía, especialmente da mocidade, así como o labor de brigadas de extinción, servizos de emerxencias e voluntariado. «O máis aleccionador e esperanzador desta traxedia foi a solidariedade», recolle a moción.

Agra cuestiona a xestión da Xunta de Galicia en materia de prevención e extinción, citando titulares de prensa nos que se falaba de prazas sen cubrir e medios parados por falta de persoal. O portavoz nacionalista reclama un cambio de rumbo nas políticas actuais e insiste en que non se pode aceptar que os incendios sexan unha fatalidade inevitable.

En canto ao papel do Concello, o BNG considera que durante os días do lume faltou información oficial á veciñanza e solicita máis implicación municipal na prevención, na atención psicolóxica ás persoas afectadas, no recoñecemento do voluntariado e na limpeza de fincas. Tamén pide medidas para mitigar a erosión provocada pola destrución da vexetación e apoio ás iniciativas cidadás que xurdan.

O acordo que se someterá a votación no pleno recolle un único punto: apoiar decididamente á veciñanza afectada polo lume e as reivindicacións que se convoquen.