
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado por membros do Goberno galego, reuniuse este martes cos alcaldes e alcaldesas dos municipios afectados pola vaga de lumes para explicarlles as liñas de axudas habilitadas pola Administración autonómica e coñecer de primeira man as súas demandas.
Segundo destacou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o encontro desenvolveuse nun «ton construtivo» e serviu como primeira toma de contacto para trasladar os apoios aprobados no Consello da Xunta extraordinario celebrado en Ourense e publicados no Diario Oficial de Galicia.
As achegas inclúen indemnizacións por danos persoais, compensación de gastos para entidades locais, empresas e explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, así como medidas para a rehabilitación de vivendas e a recuperación de infraestruturas en espazos protexidos e hábitats cinexéticos. Ademais, están xa operativas 16 oficinas próximas ás zonas damnificadas e reforzouse o servizo de atención telefónica.
Calvo incidiu en que «se durante a extinción a prioridade era protexer ás persoas e ás vivendas, agora toca seguir ao lado dos concellos para axudarlles na reconstrución». A Xunta comprométese a reducir a burocracia, axilizar os pagos e permitir anticipos de ata o 100% na maioría das liñas, lembrando que estas axudas están exentas de tributación. No caso dos gastos municipais, será preciso avaliar previamente os custos e formalizar convenios de colaboración.
A maiores, Augas de Galicia xa desenvolve actuacións para evitar que as cinzas arrastradas polas choivas cheguen aos ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. Pola súa parte, Medio Rural está a estudar os terreos queimados para aplicar medidas de prevención da erosión e restauración.