O BNG leva ao pleno do Barco unha moción pola vaga de lumes en Galiza
O grupo municipal do BNG no Concello do Barco de Valdeorras presentará este xoves no pleno unha moción na que insta á Xunta de Galiza a adoptar medidas urxentes tras a vaga de incendios do pasado mes de agosto, que afectou con especial dureza a comarcas ourensás como Valdeorras.
O portavoz nacionalista, Manuel Agra Villar, lembra que o sistema europeo Copernicus estimou en máis de 143.000 as hectáreas queimadas en agosto —145.000 en todo o ano— fronte ás 108.411 recoñecidas pola Xunta. «Esta catástrofe ambiental, social e económica é consecuencia directa dunha xestión absolutamente neglixente por parte do goberno galego, tanto na prevención como na xestión da emerxencia», recolle o documento.
Na moción, o BNG reclama a creación dun Fondo de Recuperación Económica, Social e Ambiental Xunta-Estado, con axudas directas de ata 200.000 euros para a reconstrución de vivendas e de ata 6.000 para autónomos, pemes e economía social. Ademais, propón un Plan de Emprego Verde centrado na restauración ambiental das zonas afectadas, así como unha moratoria inmediata a novas plantacións de eucalipto.
Os nacionalistas piden tamén duplicar os fondos de prevención nos dous próximos anos, reforzar e profesionalizar os servizos de extinción —incluíndo a creación de 70 brigadas móbiles de vixilancia— e mellorar as condicións laborais do persoal. Outro dos puntos demanda que a Xunta asuma a execución subsidiaria das limpezas de biomasa nos casos de incumprimento dos propietarios ou de parcelas descoñecidas.
A moción inclúe, ademais, a solicitude de revitalización socioeconómica do rural, con máis financiamento para os concellos e alternativas produtivas sostibles, así como a asunción de responsabilidades políticas por parte dos máximos responsables da Xunta, comezando polo presidente Alfonso Rueda.
Finalmente, o BNG propón que o Concello do Barco se adhira ás mobilizacións que se convoquen para reclamar apoio na reconstrución das propiedades e dos espazos naturais danados.