

«Beatriz Dourado naceu en Barcelona pero é de Lugo, porque os de Lugo nacen onde queren». Así introducía Anxo Baranga —o conductor da gala do IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán— á que despois se revelaría como a gañadora do certame deste 2022. O seu poema, Ancorar toda esta auga foi o escollido polo xurado entre as máis de cento setenta propostas recibidas.

A entrega do galardón estivo a cargo de Emilio Vega, o único membro do xurado que onte estaba presente no Teatro Lauro Olmo do Barco. Os cinco restantes, non acudiron por diferentes circunstancias e mandaron vídeos celebrando que existise o certame e saudando ao público e aos finalistas. Entre eles, tamén faltaron dous ao evento, Fran Fernández Davila, a quen representou un amigo no acto, e Lois Pérez.

Estas ausencias arrancaron as bromas de Baranga, quen tirou de retranca convidando aos presentes a apostar: «O seguinte veu ou non? Que credes?». En todo caso, quen si estivo foron a premiada, Beatriz Dourado e as outras dúas finalistas, Ana Barja e Patricia Carballal, que tamén leron os seus poemas no escenario e recibiron o trofeo de finalista co rostro de Florencio de mans dos alcaldes da comarca, do Instituto de Estudos Valdeorreses e da Asociación de Mulleres Rurais de Córgomo.

Ademais da creación poética contemporánea, a outra protagonista da velada foi a comunidade educativa, moi activa neste ano de Florencio e a quen se lle quixo recoñecer a súa implicación na promoción das Letras dándolle un lugar especial no acto.

En canto abriu o telón os primeiros en aparecer foron os nenos e nenas do CEIP Julio Gurriarán do Barco, que cantaron a súa xa famosa adaptación do poema de Florencio Aí ven o maio. Tamén actuaron alumnas do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, que presentaron a canción e videoclip que fixeron con Xabier Díaz adaptando o poema de Florencio Pandeirada.

E se a música recibiu aplausos, tamén os artistas convidados, nada menos que rapazada de Vilamartín, do CEIP Xosé Manuel Folla Respino, que levaban semanas preparando coa dramaturga Amparo R. de Dios pequenas interaccións co presentador da gala e que executaron de forma impecable e moi divertida.

E así, con música, poemas, vídeos e o entusiasmo e enerxía de Anxo Baranga, foron pasando os case noventa minutos de gala, rematando cun consello do presentador: «E agora para casa, pero non a Villamartín, El Barco ou Correjanes, se non para os lugares co nome propio, como defendía Florencio, para que volten a Valdeorras os nomes xenuínos…».

E xusto cando se lanzaba a cantar o poema de Florencio musicado por Anxo Rei comezou a soar a canción e Anxo Rei acompañaouna cantando dende a platea do teatro dende onde seguira discretamente toda a gala, para sorpresa dos que estaban tanto no escenario como entre o público.

