jueves. 18.04.2024

As instalacións da piscina municipal climatizada acollerán as clases teóricas e prácticas dun curso de formación específica de socorrismo, dirixido a persoas interesadas no desenvolvemento do exercicio profesional de socorrismo, que se desenvolverá nos meses de abril e maio.

O curso será impartido pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGSP), e O Barco é o único concello de Galicia no que se desenvolverá este ano este curso de formación, tras ser solicitado polo alcalde, Alfredo García, á Dirección Xeral de Administración Local, para paliar a carencia de socorristas profesionais na comarca de Valdeorras.

O DOG xa publicou as bases e as condicións de inscrición neste curso con 27 prazas en total. Os interesados —calquera persoa pode optar a esta formación, sen necesidade de residir en Valdeorras—, deben entrar no enlace para consultar tanto as condicións establecidas para poder formalizar a inscrición, como para acceder ao formulario para poder participar neste curso.

Os inscritos admitidos deberán superar unha proba de natación, que se celebrará o próximo 9 de abril na piscina climatizada municipal do Barco. A formación desenvolverase entre o 12 de abril e o 1 de xuño, con clases os venres pola tarde, e os sábados e domingos en horario de mañá e tarde. Tanto as clases teóricas como as prácticas desenvolveranse na piscina climatizada.

Os participantes serán formados en socorrismo tanto en instalacións deportivas como en espazos acuáticos naturais. Este é o segundo curso profesional de socorrismo que se celebra no Barco, tras o que tivo lugar o ano pasado, solicitado polo Concello para paliar a falla de persoal cualificado para o servizo nas piscinas e praias fluviais da comarca, o que impediu que en anos anteriores puideran abrir algunhas piscinas da contorna na tempada de verán. 

O Barco, único concello de Galicia cun curso para formación de socorristas