martes. 04.08.2026

O Barco inicia o reparto de 5.000 lentes para vivir con seguridade a eclipse

O Concello entregará ata dúas unidades por persoa cada mañá na Praza do Concello e lembra que a protección ocular é imprescindible para observar o fenómeno do 12 de agosto
somoscomarca_obarco_eclipse_repartogafasjpg (4)

A conta atrás para a eclipse total do 12 de agosto xa está en marcha. O Concello do Barco comezou este luns o reparto gratuíto das 5.000 lentes homologadas adquiridas para que a veciñanza poida seguir o fenómeno con total seguridade.

A entrega realizarase ata o vindeiro 12 de agosto, entre as 11.00 e as 11.15 horas, na Praza do Concello, cun máximo de dúas lentes por persoa, unha medida pensada para que o maior número posible de veciños poida acceder a elas.

Durante a súa intervención semanal en Radio Valdeorras Onda Cero, o alcalde, Aurentino Alonso, destacou a dimensión dun acontecemento que cualificou de histórico.

«Canto máis profundizas no tema, máis ves a importancia que vai ter este evento», asegurou o rexedor, lembrando que a última eclipse total visible desde Valdeorras tivo lugar en 1912, cando mesmo unha expedición da Universidade de Barcelona se desprazou ao Barco para estudar o fenómeno astronómico.

«Os expertos din que a desfrutemos e a aproveitemos porque ata dentro de moitos anos non volveremos vivir outra igual nestas terras», engadiu.

somoscomarca_obarco_eclipse_repartogafasjpg (3)

A seguridade, a principal recomendación

Aurentino Alonso insistiu especialmente na necesidade de utilizar sempre protección homologada. «É fundamental visualizala con lentes adecuadas», subliñou, advertindo de que unha observación incorrecta pode provocar lesións oculares importantes.

Xunto ás lentes, o Concello entrega tamén un folleto informativo coas principais recomendacións para contemplar a eclipse con seguridade e evitar prácticas que poidan resultar perigosas.

somoscomarca_obarco_eclipse_repartogafasjpg (1)
Contido do folleto informativo

Un programa que leva días mirando ao ceo

O reparto de lentes forma parte da programación «Ollo á eclipse», iniciada a pasada semana con actividades divulgativas protagonizadas polo crítico e produtor de cinema Martín Pawley e polo director do Centro Astronómico Trevinca, Óscar Blanco.

somoscomarca_obarco_presentacion_cdbarco3150
Óscar Blanco dando as explicacións sobre a eclipse

A programación culminará o propio 12 de agosto cunha conferencia do físico e investigador da Universidade de Santiago Salvador Bará, dedicada á importancia histórica da eclipse de 1912 no Barco.

Xa pola tarde, Bará será tamén o encargado de guiar a observación desde o miradoiro de Alixo, o punto oficial habilitado polo Concello para seguir o fenómeno. O acceso estará regulado e prevese un dispositivo especial de tráfico, ademais da posible habilitación dun servizo de autobuses para facilitar a subida dos asistentes.

Con todo, o alcalde lembra que non será necesario acudir a Alixo para vivir a eclipse. «Quen quede no Barco e busque un lugar desde o que vexa o sol poderá desfrutala igualmente», sinalou, facendo un chamamento a gozar dun fenómeno astronómico que dificilmente volverá repetirse na comarca ao longo da vida da maioría dos veciños.

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado

O Barco inicia o reparto de 5.000 lentes para vivir con seguridade a eclipse